A Xulipedia ou como sementar en analóxico para recoller en dixital

18 de julio de 2023
xulipelia
Luis Losada e Xulio Simón, promotor e autor da Xulipedia

Se atendemos á definición exacta do que @s estudos@s chaman “Literatura comparada” (disciplina empírica dos estudos literarios cuxo obxectivo se centra na comparación dunha literatura con outra(s) literatura(s) ou outras formas de expresión humana) podemos dicir que, seguramente sen saber se tiña nome ou non, Xulio Simón dedicou gran parte da súa vida a ela… e así foi como, case sen querer, naceu a Xulipedia: www.xulipedia.com.

Xulio Simón leva anos xubilado do seu traballo como mestre, e agora, con algo máis de tempo libre para dedicar ao asunto é cando empeza a gozar das alegrías que o seu traballo analóxico, iniciado na xuventude nisto da “literatura comparada”, comezou a ser visible e dar froitos dixitais.

Cando Xulio comezaba os seus primeiros anos como docente, a vida levouno a terras catalás da man dun colega, que lle comentou que alí era máis doado acadar praza para dedicarse ao seu. Así que maleta en man desembarcou naquelas terras para comezar a súa andaina. Froito da amizade que o levou a Cataluña, Simón coñecería tamén ao cursar estudos de Filoloxía galaico-portuguesa na universidade ao seu admirado profesor Basilio Losada, quen lle abriría unha porta ao mundo da literatura que xa sería difícil de pechar.

Como @s galeg@s somos morriños@s de noso, sempre acabamos arrimando ás nosas xente así que Xulio comezou a colaborar cun programa de radio feito pola diáspora galega e decano xa nas emisoras catalás, Sempre en Galicia. Nel encargábase de, a modo de hemeroteca, recoller as efemérides da cultura e a arte de Galicia, ao tempo que as relacionaba coas de Cataluña, lugar onde residía, ademais de con países como Portugal ou Brasil. E así foi como pouco a pouco, na era do lapis e papel, Xulio Simón comezou a encher as case dúas mil páxinas que hoxe compoñen o arquivo de información que encerra a Xulipedia.

Este labor de recompilación informativa foi vivindo moitos cambios nos métodos de investigación. As revistas, as antoloxías, os anuarios, etc. eran a ferramenta de traballo deste investigador casual, “non había medios dixitais, como agora, todo o facía a golpe de copiar e comparar datos” comenta Simón, porque nin no máis remoto dos seus pensamentos se lle pasou pola cabeza a idea de que nun futuro, a golpe de clic, toda esta información que ía recollendo podería aparecer diante dos ollos de medio mundo.

“Por iso daquela eu estaba subscrito a “Grial” e “A Nosa Terra” e por iso tamén, na súa mesa de traballo figuraban abertas revistas, xornais, anuarios e textos das máis ilustres plumas, que aínda conserva a día de hoxe na súa casa de Poio.

Obra titánica

Durante anos, e a medida que se foi facendo sabedor de canto alí había, Xulio quixo compartir o seu arduo traballo co mundo, para uso e gozo de estudantes ou investigadores/as. Moitas editoriais, universidades e incluso músic@s e escritores/as foron coñecedores/as da súa angueira, e aínda que recoñecían o seu meritorio labor, ninguén foi quen de lle dar forma para que dun xeito ou doutro vira a luz. Ata que, como toda tarefa titánica que se prece, “só” precisou do ben máis prezado co que mesmamente a recompilación tiña comezado: a amizade.

E así como se da canción que compuxeron Lennon e McCartney se tratara, “With a Little help of my friends”, naceu a Xulipedia. Luis Losada, colega de Xulio sacaba sempre nas comidas de amig@s este tema, porque era consciente de cantos anos de traballo o seu colega botara a construír esta megaobra que el tanto admiraba.

Colaboradores na dixitalización da Xulipedia

Entre viños e risas (onde sempre bromeaban con lle poñer o nome de Xulio ao proxecto, de aí o nome de Xulipedia) nunha das súas reunión, sacouse unha vez máis o tema e aproveitando que estaba presente Javier, informático e mestre de primaria, viron a posibilidade do nacemento dunha wiki que recollera toda a información comparativa que Xulio recompilara ao longo destes máis de corenta anos.

O resto da pandilla, Laura, Pancho, Tono, Cris, etc. entre @s que figuran profesores/as de todas as especialidades comprometéronse aquel día, visto que había posibilidades de facelo realidade, a axudar, moit@s no volcado de datos e outr@s na divulgación do proxecto. E así foi como tras tardes de traballo e chamadas e contactos, a Xulipedia, unha wiki de literatura e arte comparada viu, por fin, a luz.

A Xulipedia, algo máis que unha wiki

“Esta porta que estás a abrir é a dunha cronoloxía da literatura galega xunto coa portuguesa, catalá, española e a universal” versa o texto introdutorio que nos adentra nesta wiki e non conta mentira algunha. Como usuari@s só temos que escoller ano, que comezan no do nacemento de Curros Enríquez (1851) e rematan no do pasamento de Manuel María e Luisa Villalta (2004), e unha vez nel poderemos consultar todo o relativo a nacementos, pasamentos, publicacións galegas ou relativas a Galiza, acontecementos, premios, epistolarios, sumarios da cultura galega e por suposto de outras culturas, como xa comentamos máis arriba.

Datos e datos comparados e arquivados coa férrea disciplina de Xulio Simón ao longo de toda unha vida “atusmando” entre as páxinas e os papeis da documentación, que dirían na zona de Lugo de onde é oriúndo Simón, algo que comezou en Cataluña e rematou co seu destino a Pontevedra.

E se en Cataluña foi onde se sementou tal aventura da man de Radio Cornellá, tamén foi alí onde se presentou oficialmente en decembro de 2021 a Xulipedia, grazas ao Concello de Cornellá que reuniu no Auditori de Sant Ildefóns a amig@s e colaboradores/as aos que Xulio lles falou de como coa súa obra tentou “relacionar as literaturas ibéricas: as amizades catalás de Álvaro Cunqueiro: Jordi Domènech, Francesc Parceriscas, Joan Perucho…, as traducións de poemas ao galego dende o catalán por Cunqueiro (Marta Pessarrodona, Tomás Garcés…), poemas de Carballo Calero ou Guerra da Cal en revistas portuguesas ou revistas catalás como “Camp de l’arpa” que fan referencia á literatura galega e así un longo etcétera”.

En Galicia, inda non tivemos a oportunidade de asistir á presentación de tan magnífico proxecto. Esperemos que chegue pronto o día.

Os datos danlle a razón

Dende que no verán do 2020 a Xulipedia facía a súa saída á rede, os datos avalan a necesidade que había dunha wiki deste tipo. O mundo da universidade, que ata agora caso omiso fixo das chamadas á súa porta, ten nesta ferramenta dixital, nacida do analóxico, un utensilio ideal para estudantes e profesorado, dado que resulta do máis cómodo á hora de xestionar datos.

Así, nos epistolarios, por exemplo, podemos atopar enlazadas cartas e respostas a través dos datos que as interrelacionan, facendo unha delicia para aqueles/as que investigan as relacións por carta entre distint@s escritores/as e no que se recolle a correspondencia coa Galiza da diáspora cando nela se fai referencia á nosa cultura, como é o caso de Luis Seoane con Díaz Pardo e Francisco Fernández del Riego, de Neira Vilas con Ben-Cho-Shey, con Antón Beiras, Ramón Piñeiro, con Martínez Risco, con Leandro Carré, con Celso Emilio, con Manuel María, con Salvador Espriu, con Valentín Paz Andrade, con Avilés de Taramancos, con Xavier Alcalá…, de Basilio Losada con Ramón Piñeiro, con Méndez Ferrín, con Celso Emilio, con Alonso Montero…, de Álvarez Blázquez con Blanco Amor… todo en cronoloxía coas outras literaturas e procurando relacionalas, ao tempo que se mantén a ortografía orixinal de cada carta.

Tal e como nos comenta Luis Losada, cando lle pedimos estatísticas de uso, no ano 2022 máis de 60.000 páxinas da Xulipedia foron consultadas por miles de usuari@s, o que nos da un pouco a medida da necesidade e da utilidade desta ferramenta. Xulio nunca pensou, cando empezou a recompilar como formiguiña todos estes datos que hoxe sería accesible para o mundo enteiro.

Por iso, conta, entre modesto e orgulloso como lle están a chegar mails de moitas partes do mundo agradecendo o seu labor, como é o caso dun mail de Brasil, que lle chegou hai pouco para lle dicir que estaba a se facer un podcast con toda a información da súa wiki, ou un que ben de recibir e que nos ensina no móbil, onde un neto fala da súa avoa portuguesa, a escritora María Manuela Couto Viana nada en Valença do Minho autora dun libro halófono, “Frauta lonxana” (Ed. Salnés, Vigo, 1964), seguindo o termo que usaba o seu profesor Alonso Montero, cando lle deu clase a Simón, no Instituto Masculino de Lugo (hoxe IES Lucus Augusti).

Este neto, David da Silva Sousa, acompaña o seu agradecemento a Simón por ter falado da súa avoa, cunha serie de recortes de prensa nos que se recolle a visita da súa avoa a Galiza da man da embaixada para recitar os seus versos galegos.

Nestes tempos nos que estamos tan faltos de referentes culturais potentes, ser quen de ter unha ferramenta gratuíta que nos devolva a memoria cultural é unha sorte. Malia tristura que nos queda ante o feito de que moitas institucións culturais públicas non escoiten propostas marabillosas e altruístas, como esta pola que Simón leva transitando toda a súa vida de investigador solitario, quédanos a ledicia de saber que a forza das sociedades que veneran os saberes é inda o suficientemente forte como para mantela viva. Abofé que o recente nacemento da Xulipedia lémbranos que é ben certo aquilo de que non hai nada que non poida mover a forza da amizade.

Deja un comentario

Don't Miss