Alén das Olas… A vida

Que a pandemia o mudou todo non é contar gran cousa, pero dicir que esta puxo patas arriba o mundo de Laura e Germán si é bastante acaido.
2 de julio de 2023

Laura e Germán son marinenses e dende aquel terrible ano o seu mundo cambiou por completo, por iso decidiron facer dos seus dons artísticos un portal ao arte comunitario. Despois de darlle algunha volta ao asunto abriron ao público o seu taller de cerámica “Alén das Olas”.

Laura Villanueva Piñeiro leva uns trinta anos afundindo as mans nos cachos de arxila para lle dar forma as pezas que están á venda en “Alén das Olas”, un espazoso taller que se sitúa na Rúa Exército e Mariña, 7. “Empecei a traballar aos 16 anos, dando cursos en campamentos para crianzas e dende aquel momento xa non parei” comenta Laura. Germán Iglesias del Río, a súa parella, bótalle unha man polas tardes en “Alén das Olas”, xa que polas mañás traballa como profesor de artesanía na Asociación de Familiares y Amigos de Enfermos Psíquicos «Alba», situada no Centro Príncipe Felipe de Pontevedra.

O local, que conta co selo de Artesanía de Galicia, comenzou a abrirse ao público despois da pandemia. Laura, propietaria do taller, percibiu a necesidade que tiña a xente de voltar á aquela normalidade da que tanto se falaba, a través de actividades conxuntas e sociais, pero sobre todo a actividades que permitisen “relaxar” a cabeza. “Nos primeiros meses notamos moito a presenza de personal sanitario nos nosos cursos, porque había moita necesidade de botar fóra todo canto tiñan acumulado neses días tan duros”. E así foi como o local que ata entón fóra de traballo propio para ela e para a súa parella, pasou a ser un local no que se comezaron a dar clases de cerámica abertas ao público en xeral.

Tradición ao servizo da xente

“Alén das Olas” bebe da tradición artesá de Galiza, empezando polo seu nome, que fai referencia ao alcume que os/as oleiros/as lle puxeron ao médico pontevedrés, Luciano García Alén. Alén adicou parte da súa vida a estudar en profundidade a alfarería popular galega, sobre a que publicou varias monografías. Germán fala concretamente da obra La alfarería de Galicia, editada pola Fundación Pedro Barrié de la Maza no 1983 e explícanos como moito do seu traballo como alfareiro nestes 35 anos de carreira, débella á tradición alí recollida.

Laura, que é moi sociable, non se arrepinte nin por un so momento de ter tomado esta decisión de vida, que cambiou o contacto coa xente nas feiras, polo contacto coas alumnas no taller, “a maior parte delas son mulleres, moitas profesoras, ainda que últimamente tamén se animan algúns homes”, di cando preguntamos polo alumnado máis habitual, “non deixamos de ir ás feiras, pero para poder atender axeitadamente ao negocio cómpre estar aquí, o que a verdade é un pracer, o noso público é moi fiel, temos moita xente da que se anotou ás clases o primeiro ano que sigue a vir, por iso, hai un trato xa casi familiar”. A demanda é alta e moitas veces teñen xente en lista de espera, porque non sempre é doado adaptar os horarios do obradoiro aos de todas as persoas, por iso de cando en vez tamén fan talleres monotemáticos nas fins de semana, un xeito, afirma Laura, de facer que a xente que traballa pola semana se achegue a este bonito mundo da alfarería.

Resulta moi chamativo que a distancia non é impedimento para que o alumnado se anote. Sentadas á longa mesa de traballo común hai xente de Cangas, de Pontevedra, de Vilagarcía, de Moaña, e de moitas partes da provincia. Afánanse en darlle forma a xarras, cuncas e ata comedeiros persoalizados para as súas mascotas. “Moita xente vén atraída polo torno –di Germán- pero realmente a técnica máis interesante para nós como artesáns é a que denominamos «churros» e que nas maneiras, lembra a aquelas tiras longas que modelábamos coa plastilina cando eramos cativos”. Ainda que en “Alén das Olas” se ensinan métodos tradicionais, teñen claro que lles gusta darlle liberdade creativa ao alumnado, para que cada persoa desenvolva aquelas cualidades artísticas que máis lle peten, “non se trata de atosigar á xente coa perfección, senón de que veñan a pasar un bo rato, a distraerse é a sacar a súa vena máis creativa”, afirma Laura.

Ainda que o seu público é maioritariamente adulto, hai tempo que traballan tamén con crianzas, de feito, durante o verán, poñen en marcha iniciativas como talleres dunhasemana, que pretenden encher o oco que deixan os campamentos monotemáticos de deportes ou aire libre, dando así cabida a outras inquedanzas que poden ter as familias. Aí o entorno mariñeiro da pé para traballar con nenos e nenas pezas con aires de mar, tan propios do seu Marín natal.

A tenda de “Alén das Olas”

Pero “Alén” non é só un taller no que pasar o tempo, “Alén das Olas” é unha tenda de pezas únicas que saen das mans de Laura, quen ten recibido moitos encargos da contorna para hoteis, casas de turismo rural, pazos, etc. Esta artesá de Marín, afirma que nun tempo en que todo vai tan rápido inda se segue valorando o feito de regalar pezas únicas e exclusivas, que non son caras, sobre todo tendo en conta que levas algo feito a man que so terá esa persoa á que agasallas.

Por suposto nin que dicir ten que as pezas cambiaron moito, e inda que beben da tradición, agora son moito máis prácticas, por iso en “Alén das Olas” o mesmo podemos mercar un saleiro, que unha cunca para os cereais, que un azucareiro para endulzar os nosos postres.

“O feito de comezar a clase cunha bola de barro nas mans e rematala cunha peza que vas usar na túa cociña é algo que parece incrible para as que non estamos afeitas a crear” dinos alguna das alumnas do taller. Se miras os andéis da tenda-taller podes ver que nunca hai unha peza igual ca outra, algo que nestes tempos do traballo en serie poderiamos afirmar que é o máis cercano ao que moitos chaman luxo. Luxo a un paso da casa, por iso que quen non se achega a “Alén das Olas” non sabe ben o que perde.

Deja un comentario

Don't Miss