Tal e como escribiu Borges –e o tempo non parece cambiar este feito- podemos continuar afirmando que o viño flúe vermello ao longo das xeracións/como o río do tempo e no ancho camiño/prodíganos a súa música, o seu lume e os seus leóns. E tanto é así, que desde que a esposa de Caná se regodeou sabendo que con Jesús de Nazaret de invitado estelar, o tinto estaba garantido, a inmortal e afrutada bebida foi constante protagonista de innumerables momentos ao longo da historia da Humanidade.
Os gregos foron dos primeiros en catar o bo facer do viño coas enfermidades do espírito, tanto, que lle adxudicaron unha divindade protectora, coñecida en mitoloxía co nome de Dioniso. Froito dos amores ilícitos entre Selene e Zeus, este deus grego do viño, foi aleccionado por Sileno (un sátiro borrachín que lle ensinaría os segredos do néctar de deuses e do seu savoir faire), algo que a día de hoxe agradecémoslle cada noite de tristeza na alma.
Os romanos, que non quixeron quedar atrás, tamén se buscaron un deus, chamáronlle Baco e colmárono de festas tan entretidas como as Bacanais ou as Anestesias. Nelas levaban a cabo celebracións licenciosas e orgiásticas, mascaradas, danzas acompañadas de música e auténticas festas desenfreadas.
Viño, literatura e música
Destes eventos, a música e a literatura sacaron tallada. A primeira obtivo a cambio dos excesos mundanos do viño, os Ditirambos ou composicións poéticas dedicadas a Baco, unha sorte de versos e músicas que imitaban o delirio da embriaguez; e por suposto, as Aulodias, que se compoñían dun só vocal acompañado polo Aulos, unha especie de oboe.

A literatura, pola súa banda, tamén ha de agradecerlle ao viño -aínda que sexa paradoxal-, o nacemento do tráxico, pois foi nestas festas onde se empezaron a levar a cabo as pequenas representacións que derivarían no que hoxe coñecemos no ámbito teatral como Traxedia.
Visto pois o éxito dos festíns gregos e romanos, tampouco os cristiáns quixeron prescindir deste pracer regalado ao padal, así que arranxaron todo para que no seu “Estatut” máis prezado, este asunto do viño non se pasase por alto. E así, os Proverbios bíblicos, recollen o seguinte: “Dade a sidra ao desfallecido e o viño ao de ánimo amargado: que beban, que se esquezan da súa necesidade e non se acorden máis da súa miseria”… e por se a postura do seu Deus quedaba pouco clara respecto diso de se se debía ou non mollar o gaznate, por aquel entón, o Eclesiastés despexaba as dúbidas da seguinte maneira: “Anda como o teu pan con gozo e bebe o teu viño con alegre corazón, porque as túas obras xa son agradables a Deus”.
Así que, dado o visto e prace do “xefe”, algún avispadillo que non quería quedar sen a súa ración de bo viño tampouco o domingo, sacou da manga o tema da Eucaristía… que mellor que celebrar a morte e resurrección do creador dos cristiáns cunha boa copa de viño! con ese plan de márketing o éxito estaba garantido… Entón con toda a súa desvergoña e coa mellor metáfora inventada na historia da humanidade, cambiou o leito das veas do fillo de Xesucristo por un bo caudal a base de uvas Sauvignon ou Pinot Noir, de maneira que cada vez que se lembrase a súa morte (polo menos unha vez á semana) pan e viño non faltasen na mesa.
E así foi, correu na fala da xente, o asunto da feliz bebida co que empezou a ser protagonista de cadros como os de Tiziano no XVI, ou os de Caravaggio no Barroco e xa xogando na casa, Velázquez, que en “Os Borrachos” meteu ao pobre Baco nunha spanish party en toda regra… así que desde entón o viño correu polos museos de España e olé.
Os viños da IXP
Como vemos isto de cultivar e facer viño ven de lonxe na nosa historia, e de lonxe tamén ven o de facelo en Galicia, que é terra de bos caldos. Se falamos de viños na zona de Marín temos que deternos nos viñedos que ocupan o territorio da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo, unha figura de protección da Unión Europea para os viños elaborados nos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela, que contou co traballo de viticultores/as, adegueir@s, asociacións, concellos e administracións públicas.
Neste territorio, están inscritas preto de 75.000 parcelas, que suman 2.340 hectáreas, pertencentes a 25.414 viticultoras e viticultores, o que nos leva a afirmar que a viticultura está moi relacionada na zona coa poboación da contorna.
Segundo os rexistros a IXP “un 11,6% da poboación é titular de, polo menos, unha finca de viñedo inscrita no Rexistro Vitícola de Galicia (RVG). Dado que na actualidade non todas as parcelas nas que se cultiva viñedo teñen regularizada a súa situación no RVG, a porcentaxe de persoas propietarias de fincas, nas que se cultiva viñedo, é maior. Esta porcentaxe é moito maior, se non incluímos no cómputo total da poboación a aquela que corresponde aos núcleos urbanos importantes, como é o caso da cidade de Pontevedra, ou os principais núcleos urbanos dos concellos limítrofes”.
As adegas da zona
No territorio amparado pola Indicación Xeográfica Protexida, existen na actualidade oito adegas, segundo os datos da Consellería do Medio Rural, acreditadas para a elaboración dos viños baixo este selo de calidade, inda que so só cinco adegas, situadas nos concellos de Marín, Poio, Redondela, Vilaboa e Cangas ( Videiras no Mar, Monasterio de Poio, Ardán os Areeiros e Reboraina) e 18 viticultores/as elaboran na actualidade viños certificados baixo a indicación xeográfica protexida.
Cando na IXP Ribeiras do Morrazo falan das cores das súas variedades afirman que “viaxan desde o ouro ao vermello picota. Os aromas a mar, a froita, a bosque, a area quentada polo sol”. Se falamos das castes recoñecidas para a elaboración de viños baio o amparo da IXP son sete brancas e sete tintas. As brancas: albariño, caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés e as tintas: brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.
Un lugar heteroxéneo para sabores variados
O das Ribeiras do Morrazo é un territorio heteroxéneo, onde conviven microespazos noi diefrenciados: ribeiras de areais, ribeiras de ensenadas, de ladeiras e encostas que caen ó mar, ribeiras norte e ribeiras sur, ribeiras entrerría, etc. Se de localizacións falamos, podemos dicir que existen viñedos antigos en Donón, Cangas, que están extraordinariamente preto do mar, tanto que no canto de terra están cubertos de area de duna, o que facilita á raíz nutrientes exclusivos, introducindo na súa composición dos acios de uva, como afirma a IXP, “o auténtico ADN do Atlántico”. Son “viños diferentes, frescos, salinos, oceánicos.
Viños brancos e tintos, elaborados con castes autóctonas, monovarietais e en coupage, sendo os máis populares nos brancos os albariños, e o caíño tinto e mencía nos tintos. As variedades brancas son albariño, branco lexítimo, caíño branco, godello, loureira, treixadura e torrontés. As variedades tintas son brancellao, caíño tinto, espadeiro, loureiro tinto, mencía, pedral e sousón. Unha destas variedades, o caíño tinto, é unha das castes máis identitarias do territorio, que na parroquia de Cela, en Bueu, é coñecida como a famosa tinta femia, unha uva temperamental, que fai un viño potente con moita textura, case cárnico. Os brancos destacan pola súa frescura, cunha acidez pronunciada que á temperatura idónea fai deles a compañía perfecta”.
De viños e creación
Os viños enchen os nosos territorios e forman parte das nosas vidas e das nosas festas, por iso ao longo da historia creadores/as se acordaron deles, tan que mentres que o propio Baudelaire lles puxo a alma nos seus versos, foi o director de cinema Blake Edwards que se encargou de poñerlle corpo na voz do protagonista de “Días de viño e rosas”, sen ir máis lonxe, coa mítica frase con que comeza a película: “Chámome Joe Clay e son alcohólico”…
Así que despois de tanta historia ás súas costas, resulta difícil piropealo sobre todo cando @s catadores/as de medio mundo lle chamaron xa: robusto, sólido, de bo corpo e notable intensidade, aroma profundo e sabor recio… talvez por todas estas cualidades, nas noites solitarias non hai mellor compañeiro, nin que esperte máis paixóns, que durmirse aniñada como diría Baltasar de Alcázar “con dos tragos del que suelo/llamar yo néctar divino,/y a quien otros llaman vino…/porque nos vino del cielo…”.