Nos derradeiros días o BNG de Marín recibiu as queixas dun grupo de persoas con motivo da falta de sombras na zona dos xogos de auga situada no paseo Alcalde Blanco. En pleno verán as persoas que acoden a esta zona cos seus fillos e fillas a refrescarse e a desfrutar do bo tempo non dispoñan dun só lugar onde poder refuxiarse do sol.
As consecuencias negativas que a exposición ao sol ten na saúde, sempre destacadas polos profesionais sanitarios, fan da instalación de sombras na zona unha absoluta necesidade. É por iso que Celia García, concelleira do BNG de Marín, presentou unha petición no Pleno da Corporación municipal, realizado o pasado xoves 13 de xullo, para instalar algún sistema que proporcione sombra ás familias.
García afirma tamén que «o ideal sería mediante árbores e vexetación que fixeran o entorno máis amábel e natural», mais engade que «tamén se podería estudar a posibilidade de instalar toldos que proporcionen sombra e alivio ante a intensa calor.» A concelleira do BNG de Marín manifesta que «esta circunstancia é un detalle evidente que xa debera estar previsto no proxecto de instalación da zona de xogos acuáticos.»