No ano 2022, a Portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, trasladou no Pleno da Corporación municipal o mal estado no que se atopaba unha casa abandonada no lugar de Sete Espadas, en Mogor, que preocupaba á veciñanza.
Esta casa era o lugar onde se celebraba o antigo baile das Sete Espadas, e está situada uns trinta metros da capela. Debido ao seu abandono, estaba completamente cuberta de silveiras e rodeada de acacias. Esta situación causaba grande preocupación á veciñanza, xa que debido á seca, ao calor e ao mal estado da casa e dos arredores, existía un grave risco de incendio.
Lucía Santos afirmou que «a veciñanza leva meses solicitando, sen éxito, ao goberno municipal unha actuación de limpeza e desbroce do lugar, xa que está rodeado de vivendas e xa tivo lugar un incendio alí uns anos atrás, que tivo que ser extinguido cos servizos aéreos. Por iso, o medo de que se repita é razoable».
A pesar destas peticións da veciñanza e da solicitude do BNG, o goberno local do PP non realizou ningunha actuación ata o de agora. Por iso, Lucía Santos insistiu no Pleno da Corporación celebrado o día 13 de xullo en que o goberno local «atenda de inmediato á demanda veciñal e leve a cabo as xestións necesarias para intervir nesta parcela, debido ao perigo que supón para a seguridade das persoas e as súas propiedades, así como para o entorno deste lugar».