Xa estamos sentindo os últimos coletazos do verán e, con eles, o balance do que foron estes meses estivales. En xeral, notouse unha importante afluencia de turistas aos nosos areais, tanto de Galicia como de fóra da nosa comunidade autónoma.
Por iso, o Concello de Marín, sabedor de que o noso litoral é o maior atractivo durante o verán, realiza un mantemento, control e limpeza das praias para que estean en perfecto estado, ademais de para preservalas a través dunha liña de traballo sostible e respectuosa co medio ambiente.
E ese traballo ten o seu recoñecemento, tal e como se pode ler no informe emitido pola Adeac, o organismo encargado de repartir as Bandeiras Azuis e de facer o control sobre as praias nas que ondea este distintivo.
Bo servido de socorrismo
Desta vez, a Adeac parabenizou ao Concello polo bo servizo de socorrismo que se habilitou durante todo o verán en todos os areais. En canto a algunhas das recomendacións ou avisos que se deron, fóronse subsanando ao longo destes meses, como por exemplo a existencia dunhs graffitis na praia de Portocelo e outros en Mogor, que foron retirados, ou a mellora da sinalización dos baños accesibles tamén en Mogor, entre outras cuestións.
Desde o Concello, mostran a súa satisfacción por ter xa este informe pechado e por demostrar que o traballo que se realiza durante todo o ano e o verán dá os seus froitos, facendo ás nosas praias ano tras ano merecedoras dun galardón tan relevante como é a Bandeira Azul.