Un boli bic e un talento que traspasa fronteiras. Ese podería ser un resumo rápido e con brocha gorda da traxectoria e o traballo de Belén Diz Juncal (1993), ilustradora marinense á que este 2023 se homenaxeará na mostra Artista Marinense do Ano, comisariada polo pintor autóctono Antón Sobral e organizada polo Concello de Marín.
Diz é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e posteriormente titulada no máster de álbum ilustrado e animación musical. A súa técnica máis sobresaínte é a que lle leva a consumir miles de bolígrafos BIC, rachando nun papel infinidade de realidades “que pretenden completar a súa propia”, tal e como se pode ler na súa biografía.
O traballo de Diz engloba diferentes temas e disciplinas, entre as que destacan as ideas da infancia, o corpo e o fogar como refuxio, atravesando o proceso de madurez dos suxeitos que retrata, extraendo momentos puntuais do ámbito privado e da memoria dos mesmos.
Os seus debuxos teñen ese corte realista que os fai tremendamente atractivos, e que combina con luces, sombras, enfoques e desenfoques. Unha das súas últimas creacións foi o cartel promocional das Festas do Carme deste verán, “que foi todo un reclamo pola súa autoría, cun éxito sobresaínte e unha proxección espectacular pola súa novidade, frescura, orixinalidade e beleza”, tal e como explicar a alcaldesa María Ramallo no texto que lle dá entrada ao catálogo da artista.
A exposición inaugurarase o xoves ás 13.00 horas e poderá visitarse ata o 27 de agosto no Museo Municipal Manuel Torres. Ao rematar a inauguración, a autora estará firmando os carteis da Festa do Carme ás persoas que solicitaron unha copia do mesmo.
Lista de Artistas Marinenses do Ano:
- Ánxeles Iglesias (2014)
- Antón Sobral (2015)
- Celeste Garrido (2016)
- Miguel Villanueva (2017)
- Katsumi Yamaguchi (2018)
- Ramón Lorda “Deside” (2019)
- Rosa Crespo (2020)
- Xaquín Soneira (2022)
- Belén Diz Juncal (2023)