De entre as estampas máis autóctonas que @ viaxeir@ pode levarse de Galicia entrecollemos hoxe, como homenaxe, a foto das mulleres aniñadas nas rías e desafiando as temperaturas das frías augas nas costas, son as mariscadoras.
Adéntranse nas inmensidades coa responsabilidade de adornar as nosas paellas, animar as festas do nadal ou por que non, obsequiarnos cunha deliciosa mariscada en toda regra. Elas son sen dúbida as sereas galegas, as auténticas raíñas do mar.
Máis aló do tópico e idílico da súa imaxe, as mariscadoras son hoxe en día un puntal da economía, da sociedade e da cultura galega. Non hai que esquecer que en España, a actividade mariscadora desenvólvese case de xeito exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia, na que hai unha ampla tradición.
Ata hai uns anos o mundo pesqueiro marxinaba en certo xeito á muller no que a labores de mar se refire. Elas, que non se embarcaban e encargaban da casa e d@s fill@s, conseguían a miúdo sacar unhas horas para recoller aquilo que o mar podía ofrecerlles e axudar á non sempre boiante economía doméstica
Afortunadamente, cos anos as mariscadoras pasaron de estar ocupando un posto marxinado social e economicamente, a ser un colectivo en alza e un bastión no sustento dos fogares pesqueiros galegos.
Máis presentes que nunca
Hai xa tempo que a súa presenza se fixo forte no sector, non só no laboral senón tamén no que a cargos se refire, exemplo diso é a proliferación de patronas maiores nas confraría, como é o caso da de Marín, con María del Carmen Vázquez, patroa maior da Confraría de Lourizán ou Loli Moreira Rosales, vicepatroa maior segunda da mesma.
As mariscadoras adícanse á extracción, á limpeza, ao acondicionamento, á sementeira do marisco pero tamén á vixilancia das costas para que ningún furtivo se leve o que lles pertence por dereito.
A xornada de extracción adáptase á marea de día que adoita durar aproximadamente unhas catro horas, pero o aproveitamento do traballo depende en gran parte do intenso da marea, é dicir, das fases da lúa e por suposto das condicións climatolóxicas.
Para ser mariscadora hoxe en día é necesario facer un curso específico que ofrece a Xunta de Galicia e estar en posesión do PERMEX ou permiso marisqueiro de explotación, documento expedido tamén pola Xunta desde 1995 que testemuña a autorización mediante concesión administrativa para exercer a actividade mariscadora en Galicia.
E é que os tempos cambiaron bastante respecto diso do oficio, malia manter o artesanal deste, con artes marisqueiras como a azada, a gancha, o “raño” ou a “rañica”, as confrarías modernízanse e xa non deixan o froito das súas recollidas só nas mans do mar, para iso está o seu rastrillo.
A medida que se foi desenvolvendo o seu traballo como mariscadoras, a mentalidade foi cambiando e da extracción individual e sen previa planificación, deuse o paso ao cultivo, xa é que as mulleres se deron conta de que do mesmo xeito que o campo, o mar é un espazo no que se pode cultivar. Así, por medio de sementes autóctonas, conséguese trasladar especies de diferentes zonas, moitas veces
provenientes do mar e outras veces de hackeryes ou criadeiros de empresas adicadas á reprodución destas.
A asistencia técnica, máis que axuda
Para que este novo modo de traballo funcionase ben requiríase non só un cambio no xeito de traballar, senón tamén un alto nivel organizativo. Neste terreo é fundamental o labor d@s biólog@s que son un dos bastións das confrarías de pescadores galegas. Desde os seu posto de asistentes técnic@s encárganse de elaborar os plans de explotación, eses que marcan as zonas nas que se pode mariscar, os días que se ha de facer e as especies que é posible recoller.
Eles/as informan ás mariscadoras de como están os bancos marisqueiros e de cales son as características físicas e morfolóxicas das especies, ao mesmo tempo que se encarga de realizar polo menos dúas veces ao ano as campañas de muestreo. A través dos datos recollidos nelas, as mariscadoras da confraría saben que zonas son óptimas para a recolleita ou para o cultivo, sen que estas se esquilmen.
Os problemas nunca faltan
Pero non todo son alegrías, tamén hai algúns temas que lles preocupan, por exemplo o d@s furtiv@s, por iso é polo que dentro do seu labor marisqueiro atópase a vixilancia das súas zonas de traballo. Recoñecen, iso si, que moitas veces o problema non é só d@s que sacan o seu marisco sen permiso, senón daqueloutr@s que o compran sabendo que se recolleu de xeito ilegal e sen pasar polos debidos controis de calidade.
Tanto é así que a Confraría de Pescadores de Lourizán acometeu no período 2017-2018 o Proxecto de Salvagarda e Vixilancia do Medio Mariño nos Bancos Marisqueiros xestionados por ela mesma. O que se perseguía básicamente era o control de acceso aos recursos pesqueiros e marisqueiros, a vixilancia e salvagarda dos bancos marisqueiros así como a loita contra o furtivismo.
Pero tamén lles quitan o sono outra accións que veñen da man do ser humano, como é o caso dos dragados que se realizan nas súas zonas de marisqueo ou outros que non están na man de ninguén, un exemplo: os fenómenos meteorolóxicos adversos, que poden afectar ás colleitas anuais como é o caso das riadas, especialmente se estas ocorren nas datas clave para a venda de marisco.
O que está claro é que plantarse nas rías de Galicia cada mañá non é doado, as mariscadoras son valentes e fortes, poderiamos dicir que o prototipo da muller galega está nas súas carnes, na súa cara curtida polo vento das praias, cos anos non lles que dou outra que ir cambiado o oficio e as formas, pero por moito que muden os tempos hai algo que de seguro nunca poderán cambiar, o seu xeito de se abrazar ao mar.