A pesar do halo de frivolidade que nos último tempos da nosa historia puido ter rodeado moitas veces á moda, é importante que lembremos á súa definición como tal: “Conxunto de prendas de vestir, enfeites e complementos que se basan neses gustos, usos e costumes, e que se usan durante un período de tempo determinado”. Atendendo pois a iso do costume é que a xente que conforma a Asociación Etnográfica Sete Espadelas leva tempo poñendo en valor os nosos traxes tradicionais, eses que tamén van contando a historia do pobo galego.
Dende que hai xa uns oito anos que Sete Espadelas empezou a súa labor de investigación etnográfica, sería difícil escoller cal das súas exposicións foi máis máxica que a anterior. Dende “Vestidos con pincel, cosidos con agulla” no 2015 ata estos “Fragmentos de onte” dos que hoxe imos falar, pasando polos panos de “Galicia, a terrados mil panos” no 2019, centenares de prendas teñen pasado polas súas mans.
A súa capacidade para nos transportar a tempos antergos so é comparable á beleza das pezas de traxes tradicionais que albergan nos seus baules. Os traxes da exposición coa que están itinerando por Galiza neste último ano, Fragmentos de onte, patrocinada polas Bodegas Martín Códax, reproduce fielmente cada unha das vestimentas retratadas polas fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson nas súas viaxes a Galicia entre os anos 1924 e 1926, por encargo da Hispanic Society de Nova York.
Un feixe de proxectos exitoso
Afirma Sete Espadelas que “este proxecto é o máis ambicioso presentado pola asociación, superando as 1000 pezas expostas, unha gran porcentaxe delas antigas ou reproducidas a partir de patróns e tecidos antigos”. Pero o que máis impresiona deste traballo e que na súa exposición non se limitan meramente a amosar traxes, senón tamén diferentes apeiros de labranza, utensilios do fogar e ferramentas de traballo orixinais da época, que teñen de por si un gran valor etnográfico. A súa disposición na Igrexia da Universidade de Santiago transporta ás persoas que a visitan a outro século, un fascinante salto no tempo e na vida de todos os galegos e galegas que de seguro tiveron algún antergo transitando por ela.
Na exposición están representados todos os estamentos sociais: a Igrexia cos seus cargos, as leiteiras, as mariscadoras tecendo na área cos seus raños, as redeiras reparando instrumentos de traballo, os zoqueiros nas feiras, as señoras nos días de misa e ata unha reproducción dun cuadro que Sorolla pintou por encargo da HispanicSociety para representar a comunidade autónoma de Galicia, canda outras do resto de España.
Tal e como indica José Luis Rodríguez, membro da Asociación, “estamos moi felices co resultado desta exposición, porque quen a visite verá que temos acadado posicionar o traxe tradicional galego onde se merece, nesta ocasión chegou ata os altares”. E di ben, pois neles figuran dispostas as alpargatas das mulleres mariñeiras aniñadas na área mentras sementan o sustento familiar ou as redeiras que poñen fío aos buratos que deixou o mar, como se de auténticas santas se tratase.
A Galiza de Ruth Matilda Anderson
Chegar ata aquí non foi doado, José Luis e o resto da asociación levan anos tratando de negociar coa Hispanic Society para poder facer este traballo coas pezas fotográficas de Ruth Matilda Anderson, que son reproducidas con pasmosa fidelidade, non so en canto a obxectos, senón tamén en canto a escenarios.
Moitas das pezas que aparecen na exposición son préstamos, outras doazóns e algunas reproducións realizadas con mimo e sobre todo con profesonalidade por Sete Espadelas, que tamén traballa na reconstrucción das pezas que atopan en moitos cuadros que se conservan. José Luis explica que tanto recuperar pezas antigas, como conservalas ou replicalas é case unha paixón, de feito comenta que o mantelo que el mesmo reproduciu a partires da foto que Anderson fixo en Betanzos no 1926, levoulle tres anos e medio bordalo, ten 28.500 vidriños colocados un a un sobre o soutache de seda, traxe que por certo, sería parte da da «Exposición del Traje Regional» que se celebrou en Madrid en 1925, comisariada por Fernando Álvarez de Sotomayor.
Debido ao éxito de «Ruth Matilda Anderson. Fragmentos de onte» na Igrexa da Universidade de Compostela, a exposición tivo que reabrirse e así seguirá o ata o 26 de agosto. Co que haberá unha segunda oportunidade para ver os máis de 75 traxes reproducidos a partires das imaxes de Anderson, que xa viron, por certo, máis de 7000 persoas en Compostela.
Materializar o inmaterial
Desde Sete Espadelas afirman que o tema da indumentaria tradicional é patrimonio inmaterial, pero o seu afán último é materializalo, “porque cremos que só así, o público pode entender e revivir a época dos seus devanceiros/as.
O seu traballo é tan riguroso que cando fan unha reprodución fidedigna dunha vestimenta dunha foto ou dun cadro, percorren sen descanso anticuarios, ata atopar os tecidos ou os estampados idénticos. É o caso dalgún dos traxes colocados no presbiterio para a exposición «Ruth Matilda Anderson. Fragmentos de onte». Jose Luis afirma sen dubidare que “localizar en Nova York ou París un traxe dos anos 20 que ten un damasco de seda negra igual ao que leva un mantelo fotografado por Ruth, parécenos absolutamente necesario”, sobre todo cando ven a resposta do público, que din, é a meirande recompensa: “Ver que a xente aguanta dúas horas de visita guiada, e queren máis e preguntan… É danche as grazas mil veces porque se emocionaron esa mañá, fai que nós nos sintamos orgullosos e recompensados”.
Unha búsqueda incesante
Pero isto non o fan so coas pezas de roupa, senón tamén cos elementos etnográficos antigos que acompañan aos traxes que son os mesmos que os que se ven nos retratos da fotógrafa americana. Neste caso foron seis anos de búsqueda en anticuarios, webs, tendas virtuais … Pero din, que a pesar do traballo que todo isto supón, a satisfacción que senten cando atopan algo igual, sexa unha xoia, un tecido ou algún elemento, é grande, e iso motívaos a seguir.
O traballo levado a cabo por Sete Espadelas vai máis aló do estético e ten moito de lección de historia, porque como eles afirman, “poder ver e entender como era a vida dos nosos bisavós/as ou tataravós/as, a moitos que viven neste mundo dixital, failles pensar nas penurias que estas persoas pasaron e no ben que viven hoxe se se comparan”. Será por iso que entrar na Igrexia da Universidade de Santiago e ver ás mulleres do mar subidas aos altares, teña, sen dúbida, un “algo moito” de xustiza divina.