A Asociación pola Defensa dá Ría (APDR), que preside Antón Masa, puxo en dúbida o premio concedido por AENOR a Ence. Desde o punto de vista de APDR, «unha empresa privada que non certifica o cumprimento ou incumprimento da lexislación ambiental de ningunha empresa (neste caso ENCE), conceda este premio, como a presenza de significativos cargos públicos do Partido Popular no acto público de entrega, de forma particular a da Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que debera coñecer a situación ambiental de ENCE ao longo dos últimos vinte anos e, así pois, non avalar esta pantomima coa súa presenza no acto».
Para os representantes ecolóxicos, «O período de 20 anos ao que se refire AENOR, iníciase practicamente no momento no que ENCE é condenada -entre outras cousas- pola comisión dun delito ecolóxico, coa conexión dos vertidos do complexo ENCE-ELNOSA ao emisario submarino, co fin do proceso de privatización da fábrica e coa venda da fábrica de cloro«.
Pois ben, ao longo deste período, ENCE-Lourizán incumpriu de forma sistemática a Directiva 91/271/CEE, de obrigado cumprimento por verter á Ría xunto coas augas da EDAR de Os Praceres a través do tubo emisario. Incumpriu boa parte das esixencias fixadas na Autorización Ambiental Integrada (AAI), concedida de forma irregular no ano 2008 e que permite contaminar por riba do establecido na lexislación. Entre os incumprimentos destacan os seguintes:
1.- Incumpriu a condición 8ª da Resolución de 1958 pola que se concedeu a instalación da fábrica, ao superar amplamente as 20 ppm de Demanda Biolóxica de Osíxeno (DBO) e causar danos e molestias cos seus cheiros, ruídos, fumes e gases, un incumprimento que tería que ter dado lugar -por lei- á perda da concesión.
2.- Contamina a Ría con mercurio pola existencia deste metal pesado no solo que, como recoñeceu non hai moito, sae por escorrentía á Ría; mantén grandes cantidades de mercurio nas balsas de decantación e na chamada “canle perimetral”, deitado por ELNOSA mentres foi propiedade de ENCE. Poida que sexa todo isto o que premia AENOR e avalan PP e Xunta.
Porque, ao longo destes 20 anos, o PP, desde a Xunta de Galicia ou desde o Goberno central, permitiu estes incumprimentos con decisións absolutamente reprobábeis:
1.- Pechou en falso o expediente de caducidade da concesión cunha decisión de caducidade parcial que, na práctica, supuxo só a perda do campo de fútbol de Os Praceres. Nese expediente pódense ler cousas deste estilo: “Hai razóns abondo para decretar a caducidade total da fábrica pero suporía o seu peche e a perda de postos de traballo; unha alternativa sería decretar unha caducidade parcial”. Sobran comentarios…
2.- Concedeu unha escandalosa prórroga da concesión e mesmo permite o incumprimento dos acordos asinados por ENCE en “pago” da mesma.
«Que pasou co compromiso de ENCE de reducir a captación de auga do Lérez a 4.000 m3 diarios? Que pasou co “compromiso social” no que fai ao reparto de 3 millóns de euros anuais entre os colectivos sociais?», pregúntanse na asociación.
Non esquecemos que ese “compromiso” persegue mercar vontades e lavar a mala imaxe da empresa, pero o PP -que o asinou con ENCE- e o Sr. Domínguez (hoxe Vicepresidente 2º da Deputación e presente tamén no acto) que anunciou que lle esixiría o pago das axudas correspondentes aos anos nos que non houbo convocatoria, non poden agora mirar para outro lado.
Polo que fai á boa calidade do aire de Pontevedra, dicirlle ao Sr. de Colmenares que non ten nada que ver coas emisións de ENCE, que non se recollen na cabina de Campolongo.
A incidencia das súas emisións, mídese en dúas estacións de control, insuficientes e non situadas de xeito que poidan recoller a contaminación procedente da fábrica, ben por estar baixo o seu penacho (no Areeiro), ben por non estar na dirección dos ventos dominantes (a de Campelo). Lembra Sra.Vázquez o prazo de 3 meses dado hai 6-7 anos pola Xunta a ENCE para substituír a Estación de Campelo? Moi probabelmente é nesa “nova Estación” onde mediu AENOR as melloras ambientais de ENCE… Así, Sra. Vázquez, asumen ENCE e Xunta o reto de mitigar o cambio climático.