O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o vindeiro 25 de setembro arrancará a campaña de vacinación da gripe e da covid nas residencias de maiores e persoas con discapacidade da comunidade.
O presidente resaltou que “a vacinación xoga un papel fundamental” na prevención de enfermidades e no impulso de camiñar cara unha sanidade máis proactiva, é dicir, actuar antes de que se produza un problema de saúde. Este é un dos obxectivos principais da Estratexia galega de saúde 2030 que inicia a súa tramitación tras ser avaliada hoxe polo Consello na súa reunión semanal.
Rueda explicou que esta Estratexia “é unha folla de ruta” para afrontar os retos da sanidade do futuro e chega despois de que a pandemia “deixase clara a necesidade dunha maior integración das políticas sanitarias en marcha”.
Tal e como indicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, esta Estratexia conta con 20 programas e ata 100 liñas de actuación. Entre os principais obxectivos está que o sistema público galego adopte un enfoque máis proactiv de vixilancia epidemiolóxica e cribados de cancro “que incluirá os cribados de cancro de pulmón e próstata así como ampliar a idade do de mama”.
Outro dos obxectivos da Estratexia é camiñar cara a unha atención máis integrada e personalizada, adaptada á situación de Galicia de elevada presenza de pacientes crónicos e complexos.
Avanzar na conexión entre niveis asistenciais e o sociosanitario, posta en marcha de procesos asistenciais integrados, unidades multidisciplinares, reforzo da capilaridade territorial no rural, atención domiciliaria, monitorización a distancia e ampliación dos mecanismos de comunicación do paciente co sistema, así como nas tecnoloxías que faciliten a medicina de precisión e os tratamentos adaptados a cada paciente.