A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou onte que a Xunta está preparada para asumir a xestión da AP-9 e mellorar así o servizo da autoestrada aos galegos.
Así o manifestou hoxe a titular de Infraestruturas e Mobilidade tras asistir ao debate de toma en consideración da proposición de Lei, para remitir ao Congreso dos Deputados, Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Xunta de Galicia.
Vázquez Mourelle subliñou que o Goberno galego conta co coñecemento, a experiencia de xestión e a vontade política necesarias para incorporar a AP-9 á rede autonómica de estradas e garantir o seu mellor funcionamento.
Recordou que a Xunta asumiu o compromiso de seguir reivindicando ante o novo Executivo estatal que saíse das urnas o traspaso da AP-9 a Galicia e así o está facendo hoxe no Parlamento, sentando as bases para non perder máis tempo nesta reivindicación histórica e xusta dos galegos.
Parlamento galego
Ethel Vázquez fixo fincapé en que se leva agardando moito tempo por esta transferencia, xa que o Parlamento galego aprobou ata en tres ocasións por unanimidade esta demanda, que logo se viu desvirtuada e obstaculizada pola acción do Partido Socialista no Congreso.
Lembrou que a Xunta leva máis de 14 anos defendendo a transferencia a Galicia da Autoestrada do Atlántico, unha infraestrutura fundamental para o funcionamento da sociedade e da economía, xa que vertebra o territorio no que reside o 60% dos galegos.
Salientou que unha xestión máis próxima ao territorio desa infraestrutura permitiría que a AP-9 prestase un mellor servizo aos galegos e a Galicia.
Incidiu en que a Xunta coñece en profundidade o funcionamento da autoestrada, as súas eivas e a súa evolución, polo que está en condicións de poder responder mellor ás necesidades de mobilidade dos galegos.