A Deputación de Pontevedra comenzou esta semana obradoiros de «Depo en marcha» para persoas maiores, xubilados e pensionistas de 20 concellos da provincia entre eles Marín. Hoxe mércores 6 de setembro terán lugar o inicio de seis obradoiros de “Depo en marcha”.
Dous colectivos comezarán o obradoiro de conservación da memoria, a Asociación Veciñal Ponte de Mañufe (Gondomar) e a Asociación de Veciños Xuntanza do río Loira de Seixo (Marín). Ademais, as Mulleres Rurais Santa Lucía de Arco (Caldas de Reis) comezarán un obradoiro de bailes de salón, a Fundación Pazo de Mos un obradoiro de teatro, a Asociación Cultural Son de Xeve (Pontevedra) unha acción de pandeireta e canto popular e a Asociación de Veciños de San Miguel (Vilagarcía de Arousa) un obradoiro de musicoterapia.
Mentras tanto o xoves 7 de setembro tres asociacións iniciaranse nas habilidades dixitais para o uso cotián: a Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva Santa Uxía de Mougás (Oia), a Asociación de Persoas con Discapacidade do Condado-Paradanta (con sede en Ponteareas) e mais a Asociación Veciñal San Pedro de Sárdoma ‘O Carballo’ (de Vigo). A Asociación Cultural e Social de Soutelo (Salceda de Caselas) comezará a súa formación en conservación da memoria, e outros dous colectivos, a Asociación de Veciños San Mamede de Torroso (Mos) e a Sociedade Cultural Deportiva San Martiño de Verducido (Pontevedra) cadansúa acción de bailes de salón. Finalmente, a Asociación de Mulleres Rurais de Caselas (Salceda de Caselas) comezará un obradoiro de plantas medicinais, a Unión Polideportiva Bolos da Carrasca de Nigrán comezará un curso de pilates e a Asociación Veciñal e Cultural de Cortegada (Silleda) un curso de pandeireta e canto popular.
Por último, o venres 8 de setembro dous colectivos comezarán obradoiros de bailes de salón, a Asociación Fibromiño (A Guarda) e Doa Saúde Mental (Vigo). A Asociación Juan XXIII (Pontevedra) iniciarase na musicoterapia e a Asociación Cultural Deportiva Cidadelle (Redondela) comeza unha acción de risoterapia.
Máis de 130 accións
Estas son algunhas das 130 accións que se ofertaron na actual edición de “Depo en Marcha”, que beneficia a arredor de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. A Deputación destina preto de 146.000 euros ao programa e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: ‘Aprendendo da natureza’, ‘Móvete, activando corpo e mente’, ‘Enredando’, ‘Dálle marcha’ e ‘En rede’.
¡¡Bravo por ellos!!