A exposición contará con imaxes dende a propia entrada do Museo do que foi o fútbol antes de que existise o club. A partir de aí, realizarase un percorrido polas diferentes tempadas, exhibindo fotos dos equipos de todas as categorías, destacando aqueles conxuntos que foron campións.
Ademais, haberá unha sección fotográfica dedicada a todos os presidentes do club e outra reservada para aqueles xogadores e adestradores que superaron a cifra de 100 partidos nas súas traxectorias.
Tamén será posible admirar trofeos, títulos do club e torneos especiais que se celebraron no verán, como o Pérez Crespo ou o Ría de Marín, así como o libro escrito por Martínez Sena sobre a historia do club e diversas equipacións.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, xunto co concelleiro de Deportes, Antonio Traba, presentaron onte na Casa do Concello a exposición que conmemorará o 75 aniversario do Marín Club de Fútbol. Na presentación da mostra estiveron acompañados polo adestrador Javi Martínez, o segundo adestrador Manu Otero, os capitáns Manu Lois e Iago Pastoriza, e tamén polo xogador Adrián Filgueira, así como polo vicepresidente do club, Adrián Arias, e Francisco Martínez Sena.