O BNG subliña a importancia de aproveitar a oportunidade para obter financiamento e levar a cabo a elaboración dos plans especiais de protección e insta ao goberno municipal a solicitar ás administracións competentes a limpeza das marxes do vial VG 4.4, así como das súas rotondas de acceso en Ardán e en Ameal – O Campo.
No pleno municipal celebrado o pasado 14 de setembro, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín realizou un par de preguntas sobre os Plans Especiais de Protección dos cascos históricos e instou ao goberno local a presentar un proxecto ao amparo da resolución do 2 de agosto
de 2023, do Instituto Galego de Vivenda e Solo -IGVS (DOG 160 de 24/08/2023) para o acceso ao Fondo de Cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio edificado en concellos de menos de 50.000 habitantes.
Dentro das posibles actuacións financiables por este fondo de cooperación, inclúense:
- Rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, así como a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.
- Actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo Concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio edificado.
- Adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.
- Elaboración de plans especiais de protección.
O BNG leva solicitando durante varios anos a elaboración do Plan Especial de Protección dos cascos antigos de Marín e Cantodarea (moción de febreiro de 2018 aprobada por unanimidade e recentemente en novembro de 2022 recordatorio de estar pendente a súa execución). Esta iniciativa, contemplada no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado no ano 2012, é de obrigada creación para garantir a protección, conservación e desenvolvemento dos conxuntos históricos, ademais de facilitara concesión de licencias nestas zonas sensibles.
O grupo de goberno local, tras a aprobación na xunta de goberno local do pasado día 21 e a comunicación en prensa do día de hoxe, por fin pareceu decatarse de que cómpre elaborar sen máis dilación este Plan que afecta á zona histórica Centro-Banda do Río e Cantodarea, mais ante os numerosos incumprimentos por parte deste goberno “o BNG permanecerá vixiante e esixirá, as veces que sexa necesario, a elaboración do Plan dunha vez por todas.”
Por outra banda, no Pleno tamén se instou ao goberno municipal a solicitar ás administracións competentes tanto a limpeza das marxes do vial VG 4.4 de circunvalación de Marín como das súas rotondas de entrada en Ardán e a localizada en Ameal – O Campo.