O Festival Internacional de Bueu porá o seu foco na perspectiva das mulleres

O espazo «Coloquios con cineastas» reunirá hoxe a unha directora e dúas actrices de dúas das curtametraxes seleccionadas na «Sección Oficial» do certame.
14 de septiembre de 2023
festival bueu

O espazo «Coloquios con cineastas» reunirá hoxe a unha directora e dúas actrices de dúas das curtametraxes seleccionadas na «Sección Oficial» do certame. A viguesa Andrea Zapata-Girau, autora de Ruovesi, e as francesas Chanel Victor e Marie-Solange Oussou, actrices de Anansi, falarán co público do FICBUEU sobre as claves dos procesos creativos nas súas respectivas películas.

O encontro celebrarase a partir das 21.00 horas na Sala Amalia Domínguez Búa do Festival Internacional de Cinema de Bueu, tras a proxección das curtas.

Andrea Zapata-Girau, cineasta e montadora que vive entre Galicia e Finlandia, país no que fixo os seus primeiros filmes, conversará sobre o significado do desterro xeográfico e familiar e a loita interior e política dunha muller superviviente da represión militar chilena e da relación coa súa neta. É a historia que plasma na súa curta, estreada este mesmo ano e baseada, ademais, na vida da actriz que interpreta o papel principal. O título Ruovesi vén do nome do lago da poboación finesa na que está ambientada a película. 

A realizadora e guionista viguesa estará acompañada no coloquio de mañá por Chanel Victor e Marie-Solange Oussou, protagonista e actriz secundaria na película Anansi, obra da directora francesa de orixe africana Aude N’Guessan Forget e producida pola escola de cine de París La Fémis, onde se formou. Chanel Victor, quen tamén é pintora e fotógrafa, dá vida nesta curtametraxe a unha moza que traballa nunha peluquería, que sofre a diario fortes dores de ventre e cuxa vida se convirte nun inferno cando esa dor aumenta. A historia parte da propia experiencia da directora da curta.  

Segue a radio no FICBUEU

Mañá chegará tamén a cuarta entrega do espazo dedicado polo FICBUEU ao medio radiofónico como vehículo de difusión cultural e cinematográfica. «Cinema e Radio» terá como convidado ao podcast Cinema Divergente, un programa que se define como un proceso intelectual de unión entre cinema e outras manifestacións culturais para falar de tendencias, autoras e autores e o circuito menos comercial. Álvaro Peña, Javier Acevedo e Yago París gravarán en directo un novo episodio do seu podcast no que achegarán a programación máis destacada do FICBUEU. A actividade comezará ás 18.00 horas no punto de encontro do Festival e a entrada é gratuíta. 

Deja un comentario

Don't Miss