O PP rexeita unha iniciativa do BNG para  reforzar a atención sanitaria nos centros de saúde do concello de  Marín

Ríos lamentou que o PP rexeitara a iniciativa nacionalista e criticou que continúe aceptando a falta de facultativos en varias especialidades e Atención Primaria, o que cualificou como “una praga bíblica” que non se pode combater. 
16 de septiembre de 2023
urxencias centro de saúde

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Paulo Ríos reclamou, mediante unha proposición non de lei, a tomar medidas urxentes para “reforzar a atención sanitaria nos centros de saúde do concello de Marín”. Ríos expresou a súa profunda preocupación pola escaseza de persoal e recursos que están a afectar gravemente a atención sanitaria da veciñanza.

O parlamentario explicou que, tras o remate do verán, o Centro de Saúde de Marín atópase nunha situación “límite” polas baixas e vacacións da metade do seu persoal médico. Ante esta circunstancia, a solución proposta polo Sistema Público de Saúde na Galiza (SERGAS) é un “significativo aumento da xornada laboral”, unha medida que, para o deputado, conduce a un maior deterioro para a Atención Primaria e os servizos de Urxencias prexudicando a sanidade pública.

Para o nacionalista, este deterioro ten como primeira consecuencia “o colapso” dos servizos sanitarios, o que obriga aos pacientes a acudir á sanidade privada. O SERGAS  é coñecedor da situación á que sumou a “precariedade” no Centro de Saúde de Seixo, que opera en condicións de “mínimos” e está inmerso nun proceso de “desmantelamento”, a pesar dunha demanda sanitaria de máis de 20.000 persoas que se incrementan na época do verán.

O deputado do Partido Popular (PP), José Alberto Pazos Couñago, respondeu ao deputado do BNG que a falta de facultativos nos centros sanitarios é una realidade debido á escaseza de médicos e médicas. Ríos respondeu que o PP non pode seguir xustificando o grave deterioro da sanidade pública na falta de persoal e como única solución, seguir aplicando “parches” e sobrecargas aos profesionais. Na súa opinión, o PP debe rectificar a súa política sanitaria para resolver un grave problema que precisa de “medidas estruturais” e se non hai médicos suficientes, argumentou, o  goberno  “debe pedir axuda”, mesmo a nivel internacional.

Ríos lamentou que o PP rexeitara a iniciativa nacionalista e criticou que continúe aceptando a falta de facultativos en varias especialidades e Atención Primaria, o que cualificou como “una praga bíblica” que non se pode combater.  Ademais, sinalou que “o discurso do Partido popular tenta transmitir que non hai nada que facer” pero a realidade contradí este argumento xa que no último MIR “quedaron 33 prazas sen cubrir en Medicina de Familia” en toda Galiza.

O BNG reafirmou o seu compromiso a continuar defendendo os servizos públicos  e lembrou que “ a veciñanza de Marín leva todo o verán reclamando a incorporación das persoas durante todo o verán” e, agora que comeza o curso, a resposta social terá continuidade porque os servizos esmorecen e a dotación de facultativos está ao 50%.

“Cando os parches rematen, que medidas estruturais está propoñendo ou proporá a Xunta enriba da mesa”? preguntou Ríos.

Deja un comentario

Don't Miss