A Deputación de Pontevedra, a través do seu programa SmartPeme, presenta esta semana tres novas oportunidades de teleformación dentro do seu catálogo de obradoiros. Estas sesións formativas céntranse na ciberseguridade, as ferramentas necesarias para crear unha tenda en liña e as estratexias para mellorar o posicionamento web mediante Google Search Console.
A semana comeza co obradoiro “Ciberseguridade, ramsonware e suplantación de Identidade”, que terá lugar o luns 9 de outubro en horario de 10:30 a 11:30 horas.
Durante esta sesión abordarase o tema do Ransomware, en que consiste e como pode afectar, co obxectivo de dotar aos participantes das ferramentas necesarias para protexerse. A formación estará dirixida por Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D.
Tenda en liña
O martes día 10 terá lugar de 12:00 a 13:00 horas o obradoiro “Descobre plataformas para crear de maneira sinxela a túa propia tenda en liña”. Este obradoiro en liña afondará no estado actual do comercio electrónico e orientará aos participantes nos primeiros pasos para establecer unha tenda en liña, así como as plataformas imprescindibles para creala.
Laura Carrera, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con ampla experiencia no asesoramento de empresas no ámbito da comunicación e do marketing dixital, será a encargada de impartir a formación.
O mércores día 11 terá lugar de 17:00 a 18:00 horas a sesión en liña titulada «Mellora o teu posicionamento web con Google Search Console«. Durante esta formación, que será impartida por María Aller, experta en marketing dixital e comercio electrónico, ensinarase a autónomos, empresarios e emprendedores como optimizar a súa páxina web e mellorar a súa visibilidade nos buscadores.