«Don´t worry we´ll soon be dead»
Dito Irlandés
Dende que o mismísimo Breogán puxera a vista na verde Eire subido na Torre de Hércules, Galicia xa se tornou irmá de Irlanda por línea directa, anos de celtismo e de adoracións a deuses da natureza o testemuñan, de feito non debemos esquecer que o deus supremo do panteón irlandés, Dagda, deus-
druída e deus dos druídas é doado de distinguir según os contos irlandeses pola súa extremada glotonería e desbordante sexualidade… vamos que o Dagda ben pasaba por galego, non si?…
O celtismo que nos ven de lonxe fai que as nosas tradicións, galegas e irlandesas, corran parellas sen que os anos de separación temporal dende que nos mesturamos @s de aló cos de acó, ou viceversa, se noten nin unha miaxiña… para nós, celtas de pro, todo foi sempre máxico e prodixoso, o amor por exemplo, ese invento do San Valentín xa se celebraba por aquí sen tanta leria, chamábaselle en gaélico irlandés “Ambiwolka”, que traducido ao idioma purificado e decantado dos celtas, era Imbolc.
Este era o tempo das purificacións e do lume sagrado que libertaba a terra propiciando a fertilidade e o espertar do sol despois do frío e gris inverno, vamos, que había que se dar amor do bon para irlle dando lume ao corpiño…
A morte como parte da vida
E a morte? Pois tamén se levaba con alegría, para iso estaba o Samaín facíase unha festa de conexión cos/as mortiñ@s dun ou dunha e xa estaba, e é que para @s celtas a vida sempre veu sendo un periodo de transición entretida ata o momento da morte que se aceptaba sen complexos e para diante, si señor!
E Marín que? Pois non ía ser menos, a literatura antropolóxica galega recolle moitos testimonios da zona, xa que a nosa comarca non se escapa a encontros, aparicións e estranas visitas na escuridade destes mortos vivos que percorrían os camiños de aldeas, como podían ser as de Cantodarea, tal e como recolle a profesora da USC Mar Llinares García no seu libro “Mouros, ánimas, demonios”, sobre as tradicións populares do noso pobo.
O caso é que chegado ese momento da morte podemos falar de paralelismo entre as lendas e o folclore que conservamos en Galicia e outros pobos celtas máis que nunca, como é o caso de Irlanda, do mesmo xeito que acontece con moitos outros temas e seres mitolóxicos.
En ambos casos, Irlanda e Galicia, conservan no caso da morte dúas figuras que exercen como “avisadoras” daquelas/es que son chamad@s a pasar ao outro mundo, trátase da Banshee irlandesa e a Santa Compaña galega, ambos mitos dunha mesma representación mortuoria.
A Banshee en Irlanda
Coñécese como Banshee na mitoloxía irlandesa ao ser sobrenatural que cos seus laios anunciaba a morte dalgunha persoa. A Banshee toma a forma dunha muller de faciana moi pálida, pequena, co pelo longo blanquecino e enmarañado. Levaba roupas similares ás dunha labrega, normalmente brancas, grises, vermellas etc. pois as cores máis antiguas representaban o dó mentras que o vermello asociábase coa maxia e o sobrenatural.
Ás veces aparecía sentada peiteándose frente a un espello mentres que se lamentaba. Choraba na noite tardía e no comezo da mañá, encaramada nunha fiestra e sempre días antes da morte da persoa á que viña avisar polo seu pasamento. Cando se movía pola noite o seu ruido semellaba bandadas de paxaros en movemento. Pero o máis destacado, o seu xeito de se manifestar: un berro smilar ó queixido aterrador do pranto e do sufrimento, do que din que aquel/a que o escoitou nunca puido esquecelo…
A lenda máis difundida en Irlanda fala de que as Banshees veñen da familia das fadas e foron designadas para chorar a morte e asemade para predecir co seu pranto a morte das cinco grandes familias de Irlanda (os O’Neills, os O’Briens, os O’Connors, os O’Gradys e os Kavanaghs) e @s seus/súas descendentes. Así, finalmente, conta ademáis a lenda irlandesa, que non será ata que @ derradeir@ familiar de calquera desas familias morra que se deixe de escoitar o aterrador salouco da Banshee en terras de Irlanda.
A Santa Compaña en Galicia
A Santa Compaña de Galicia é unha procesión de mort@s ou ánimas en pena, que pola noite, cando xa non hai luces, percorre errante os camiños dalgunha parroquia galega. A súa misión básica consistía en visitar todas aquelas casas nas que nun breve periodo de tempo ía ter lugar unha morte. Cuveiro Piñol, no seu Diccionario Gallego (1876) escribe: Compaña: entre o vulgo, creída hoste ou procesión de bruxas que andan de noite alumeadas con osos de mortos, chamando ás portas para que as acompañen, aos que desexan que morran axiña…
A comitiva fúnebre camiña pregando e ao compás dos cánticos fúnebres mentras toca unha campaíña, ao seu paso cesan previamente todos os ruidos e o único que se pode escoitar con nitidez son os ouveos dos cans. A procesión vai encabezada por un/unha viv@ que levará unha cruz e un caldeiro de auga bendita mentras é seguido polas ánimas que portan candeas acesas.
Non sempre se pode ver á Compaña, a veces é o seu cheiro a cera é o que a fai previsible ao lonxe, cunha sinuosa e serprenteante fila de luceciñas que percorren as aldeas amosando a súa presenza. A persoa viva que percorre coa Compaña os camiños non se lembra polo día de todo o que lle ten acontecido pola noite, por iso se recoñece a estas persoas, pola súa extremada delgadez e palidez. Estas poden debilitarse ata enfermar sen que ninguén saiba as causas de tan misterioso mal. E como lograrán pois deixar este castigo? Pois parece ser que coa súa propia morte ou atopando outr@ incaut@ que ocupe o seu posto.
Por iso, se algunha noite de “discotasca” voltan sos ou soas polas aldeas galegas e se topan cos/coas da Compaña, inda que sexa rematando o botellón, recomendámoslles encarecidamente que non @s miren á faciana, que se tumben boca abaixo no chan ou que tracen un círculo no que se meter e sobre todo, sobre todo, non deixen as mans libres, ainda que sexa agarren o vasiño, pero mantéñanas ocupadas antes de que lles encamben o cubo, a cruz ou o caldeiro… celtas si, pero tont@s non.