María Diz Rey e Aquelarre, 30 anos de maxia e misterio: «O realmente especial son os amuletos personalizados de maneira artesanal»

Este mes fará trinta anos que Maribel Rey Isla se levantou unha mañá e pronunciou as seguintes palabras: “Non esperamos máis, abrimos nesta lúa” e coma se dun sortilegio da fortuna tratásese, foi así como abría as portas de “Aquelarre”, a tenda esotérica máis lonxeva de Pontevedra.
31 de octubre de 2023
amuletos aquelarre

Maribel xa está xubilada e é agora María Diz Rey a que se encarga desde hai anos de que Aquelarre non perda nin un só ápice da maxia que a súa nai puxo na súa creación. Algo que unha sente nada máis poñer un pé no seu interior. Esa sensación de cambio de mundo que percibimos en moitas das novelas que falan de espíritos benignos, forzas protectoras, enerxías sanadoras está presente no pequeno espazo que ocupa a tenda, que se converteu xa nun emblema da Rúa Loureiro Crespo.

Mentres falamos con María, aínda que facemos a entrevista a porta pechada, non deixan de chamar veciñas e veciños en busca de velas e produtos varios que xa forman parte da súa vida, da mesma forma que o son María e o seu “Aquelarre”.

Cristina Corral Soilán (Diario Marín): Con que finalidade funda a túa nai Aquelarre?
María Diz Rey: A miña nai sempre estivo relacionada co mundo da maxia e o esoterismo. Aquelarre foi sempre o seu soño, quería ter un lugar que se convertese en referente e que ao mesmo tempo lle permitise materializar algo que sempre imaxinara, algo que sempre tivo claro


Cristina Corral Soilán: Que lembras deses inicios de fai trinta anos?
María Diz Rey: Nos 90 que foi cando naceu Aquelarre, a vida comercial era moi distinta á de agora, por iso recordo que resultaba difícil acceder a certos produtos e a verdade, nós sempre tivemos moi claro o que queriamos, produtos de calidade aos que non era sempre doado ter acceso. Na práctica, recordo a miña mocidade e como no primeiros tempo eu non sabía nada deste mundo e o ter que enfrontarme á clientela con peticións moi concretas atafegábame. Por iso con esa necesidade de saber arrincou en min un desexo de coñecer todo o que había detrás deste mundo. Podemos dicir que nestes inicios está a semente da miña aprendizaxe.

Cristina Corral Soilán: Fixestes algún cambio na tenda nestes tempos?
María Diz Rey: Ningún, a tenda segue fisicamente igual que cando a deseñou a miña nai, supoño que iso é o que lle dá parte do seu encanto. De sempre lembro a enerxía tan máxica que ten cando entras, de feito todo o mundo o comenta, entra e non quere marcharse, atópase a gusto. Mesmo cando estabamos en obras, ao comezar, xa había esta calma que todo o mundo percibe.

Cristina Corral Soilán: E a clientela? Mudou?
María Diz Rey: Pois diríache que tampouco moito, si é certo que o feito de que estas temáticas deixasen de ser minoritarias, polo tema das redes sociais (RRSS), fai que a variedade en idades se ampliáse. Agora vén moita xente nova con ideas máis abertas. Podemos dicir que antes este mundo queda relegado a círculos máis pechados ou mellor dito a persoas que buscaban solucións a asuntos concretos, hoxe esta idea ampliouse.

Nos 90 viña moita xente estranxeira, ou quizais esa era nosa percepción, dado que hoxe o mundo globalizouse de tal maneira que xa non nos chama tanto a atención ver entrar a xente doutros países.
Quizais si que notamos que o perfil da nosa clientela é máis feminino, probablemente porque as mulleres somos máis “solventadoras”, somos esa parte da sociedade que ten a necesidade de contar, de exteriorizar o que lle pasa e temos menos pudor ao dicir que cremos en todo isto. Tamén é certo que os homes que veñen fano porque teñen coñecementos e as súas crenzas son firmes respecto diso, por iso confían en nós.

A maxia no novos tempos

Cristina Corral Soilán: Con esa aparición das RRSS houbo unha aparición de novos produtos?
María Diz Rey: Hai unha evolución, pero a base da maxia é a mesma e en consecuencia, os elementos tamén o seguen sendo, polo menos ao 50%. Pode haber máis artigos de tipo comercial, pois o mercado ampliouse, pero a maxia nunca deixou de ser maxia. Deixamos de vender determinados produtos, como é o caso do Pau Santo, que polo abuso que se fixo del, agora está en extinción. Hai moitas modas e iso é perigoso. Temos que aprender a adaptar a maxia á nosa contorna, existe a ruda, a xarxa. etc. Unha das máximas da maxia é usar os elementos que a natureza pon á túa disposición sen necesidade de prexudicala.

Cristina Corral Soilán: Tedes algún produto “estrela”, deses que sempre se vende ou que sempre vos piden?
María Diz Rey: Pois hai varios. O primeiro son as esencias en spray como o “Catro vendas” que serve
para atraer a clientela e os negocios, o “Harmonía familia”, para que nunca falte a paz nos fogares ou o “Abrecamiños”, que facilita a entrada en camiños que nos poden resultar dificultosos na vida. Pero aquí lo que realmente é especial na nosa tenda son os amuletos personalizados. Facémolos de maneira artesanal e son proteccións para persoas en concreto. Neles combinamos pedras, metais, aceites, pergamiños nun saquiño. Despois de realizar un pequeno “diagnóstico” á persoa que mo encarga, traballo nel en función das súas necesidades que ás veces son de sorte, de saúde, de avance nos negocios etc.

Cristina Corral Soilán: E cal é o teu produto favorito da tenda?
María Diz Rey: Sen lugar a dúbida os libros, sen eles o coñecemento non avanzaría. Temos unha selección moi especial sempre, feita con mimo e sabendo o que vendemos. Nos tempos da internet hai moita fraude en canto a explicacións, rituais, materiais, elementos, etc. por iso sempre é necesario ter á beira unha boa biblioteca. En Aquelarre témola porque os libro seguen a ser a mellor fonte de recollida de datos. Obvia dicir que os amuletos son especialísimos para min, porque ao seren algo moi persoal,
poño moito empeño e enerxía para axudar a quen o encarga. Ás veces estráganse e pasan polo taller para limparse, renovarse, etc… fanme conectar moito coa clientela. Por iso é polo que tamén son moi especiais para min.

Cristina Corral Soilán: E ti, levas algún?
María Diz Rey: Claro, vou cambiando, levo amuletos distintos. Pero sempre uso un medallón para a protección e a forza. Aquí móvese moita enerxía e ás veces fágome limpezas, aínda que nisto pasa como en todo, sempre es ti a que te deixas para o final… Na casa tamén uso candeas, incensos e proteccións de todo tipo.

Cristina Corral Soilán: De onde veñen os teus coñecementos acerca da maxia?
María Diz Rey: Moitos deles dos anos de traballo coa miña nai e sobre todo de formación autodidacta. Como che dicía, cando empecei na tenda, era moi nova e deime conta de que había moito que aprender, así que empecei a estudar e a aprender daquelas persoas que viñan e me achegában os seus coñecementos. O camiño non foi fácil, ao principio para min era difícil aceptar que eu podía, e ás veces obrigueime a crer no que facía. O resultado foi fantástico, froito do tesón e da miña querenza para axudar ás persoas. Este traballo ten moito de psicoloxía, de escoitar ás persoas, de poñer todas as túas crenzas niso, ao servizo dos demais. Vivín estes 30 anos de evolución tamén como persoa, non é que creas máis nin menos, é algo que simplemente vai contigo e forma parte do teu ser.

Maxia todo o ano

Cristina Corral Soilán: Hai algún período do ano en que a tenda estea máis concorrida?
María Diz Rey: En xeral iso fluctúa pouco. Talvez en períodos máis “máxicos” podemos vender
produtos concretos como poden ser os rituais de San Xoan ou de Fin de ano, pero nosa tenda
é constante en vendas. Os períodos de Nadal nótanse máis ben polo tema dos agasallos, pero
realmente como tamén vendemos por correo é algo máis ben constante.

Cristina Corral Soilán: Ademais dos amuletos, hai algún tipo de actividade ou servizo que realicedes en
Aquelarre?

María Diz Rey: Pois facemos todo tipo de limpezas, de casas e de persoas. Durante estes anos a miña
nai botou as cartas da baralla española e tamén tiñamos alguén que lía o tarot. Agora xa non,
agora dedicámonos ao asesoramento en todo tipo de rituais: abundancia, fogar, fertilidade…

Cristina Corral Soilán: Trinta anos son moitos anos… Sentiches algunha vez a necesidade de cambiar de oficio ou de darlle un xiro ao negocio?

María Diz Rey: Pois como che dicía antes, si tiven períodos de dúbidas, pero cando me pasa algo así empre sucede algo “máxico”, máxico no sentido de que por exemplo, entra un cliente de hai 25 anos
que me conta que no seu momento veu cun problema que resolvín e que lle axudou a continuar coa súa vida, e é entón que te dás conta de por que segues aquí, detrás do mostrador.A MAXIA NUNCA MORRE

Cristina Corral Soilán: En tanto anos vivirías historias moi sorprendentes ou anécdotas moi interesantes
lembras 3 lguna especial?

María Diz Rey: Vivimos moitísimas, pero unha das máximas da nosa tenda é a discreción, porque aquí
a xente moitas veces ábrese en canle e demándanos axuda, co cal somos absolutamente
discretas. Pero si che direi que hai historias que me conmoven e que son “contables”, como un
día en que un grupo de mulleres de trnta anos entraron á tenda de visita, como agasallo de
aniversario da persoa que cumpría anos. Ela lembraba a primeira vez que veu coa súa nai
cando a penas se achegaba aos dez, e quixo agasallar ás súas amigas polo seu trinta aniversario
cunha visita a Aquelarre e coa compra dalgúns dos nosos produtos. Hai pouco un neno entraba co seu pai por primeira vez e díxolle en baixiño ao saír: “Papá, eu quero vir máis veces aquí”. Para min esas cousas son moi máxicas e moi significativas, hai unha enerxía dentro e iso é innegable.
Gústame ademais especialmente ver como moitas nais que viñan cando eran novas, fixeron
dos seus fillos e fillas clientes/as habituais… sobre todo sabendo que moitas delas viñeron
buscar amuletos para a fertilidade!

Cristina Corral Soilán: Nun mundo tan práctico, tan científico como no que vivimos por que pensas que
seguimos crendo, lendo, estudando sobre temas ocultistas?
María Diz Rey: É obvio que a xente sabe que como seres humanos temos un corpo físico, pero tamén
intuímos que hai algo máxico en nós, algó máis aló do que vemos. Hai moitas maneiras de
velo, maxia, relixión… a nosa clientela así o acredita, como seres humanos somos moi especiais
e moitas persoas descóbreno cada día, por iso necesitan vir a lugares como este, para seguir
profundizando nas súas dúbidas e na súa aprendizaxe.

Cristina Corral Soilán: Cal crees que é o secreto da vosa lonxevidade, María?
María Diz Rey: Creo que ter as cousas claras e ser serias. O esforzo e crer no que facemos cada día fixo
sempre que a xente crese en nós.

Cristina Corral Soilán: Para finalizar, estamos en Samaín, o tempo tan máxico no que os celtas falaban desa canle que se abre para deixar que a enerxía d@s nos@s falecid@s se achégue. Fálanos
dalgún ritual que nos facilite a conexión con eles/as?
María Diz Rey: O máis importante é a luz para guialos. Por iso é necesario acender candeas, se pode
ser de cor branca, pola claridade que representa a súa tonalidade. Acendamos incenso e a
modo de oración démoslles as grazas por formar parte das nosas vidas.

Deja un comentario

Don't Miss