O BNG critica o novo suplemento de crédito de 530.000 euros do Concello de Marín

No que vai de ano, o PP aprobou tres expedientes de modificación que suman 2.053.802,12€. Esta cantidade vai destinada a asumir gastos do Concello.
22 de octubre de 2023
lucia santos bng

Lucía Santos sinalou a súa preocupación pola frecuencia coa que o goberno municipal recorre a suplementos de crédito como resultado dunha planificación deficiente na xestión financeira.

O pasado mércores 18 de outubro, no Pleno Municipal de Marín, o goberno do Partido Popular (PP), aprobou un novo suplemento de crédito por valor de 530.000 euros. A portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Lucía Santos, expresou a súa preocupación pola frecuencia coa que o goberno municipal recorre a estes suplementos de crédito, o que reflicte unha deficiente planificación na xestión económica.

No que vai de ano, o PP aprobou tres expedientes de modificación de crédito que suman un total de 2.053.802,12€. Esta cantidade vai destinada na súa totalidade a asumir gastos do concello. Lucía Santos sinalou que a principios de ano, o 12 de xaneiro, aprobouse o orzamento para 2023 cun remanente de
tesouraría por valor de 2.505.704,67 euros. Sen embargo, tres trimestres máis tarde, este remanente diminuíu drasticamente, quedando na actualidade en 451.902,55 euros.

O Portal de Rendición de Contas

O Portal de Rendición de Contas subliña que cando o remanente de tesouraría é positivo, debería destinarse a reducir a débeda acumulada. O destino do superávit debería ser a redución do endebedamento neto da entidade, e eventualmente a realización de investimentos ou gastos. Non obstante, o informe de intervención fai fincapé en varios puntos:

1.- A necesidade de aplicar o principio de prudencia en relación co uso do remanente de tesouraría para gastos xerais como fonte de financiamento de modificacións orzamentarias.

2.- Destácase que a modificación orzamentaria actual non solucionará esta circunstancia debido ao importe das facturas pendentes de tramitación e as facturas que previsiblemente se acumularán ata o final do exercicio.

3.- Instase a adoptar medidas correctoras na xestión do gasto público.

4.- A utilización do remanente de tesouraría para gastos xerais como fonte de financiamento do gasto corrente debe ser excepcional.

5.- Recoméndase corrixir adecuadamente a situación orzamentaria e executar o orzamento de gastos con rigor, de acordo co crédito inicial asignado a cada aplicación orzamentaria.

O BNG destaca que no expediente de modificación de crédito aparecen gastos de mantemento que non contaban cunha asignación orzamentaria en 2023. Ademais, a pésima xestión do goberno do PP está a ter como consecuencia un incremento no período medio de pago a provedores. Neste exercicio, o período medio incrementouse a 70,2 días, en comparación cos 54 días de 2021.

A isto súmase o acumulo de facturas pendentes de pago que afecta ás pequenas empresas e provedores locais. Por todo isto, a voceira do BNG, Lucía Santos, solicitou ao concelleiro de facenda, Manuel Santos, que proporcione información detallada sobre a situación orzamentaria real e cal é a previsión de facturas pendentes no concello na próxima comisión informativa.

O Concello enfronta importantes desafíos económicos que requiren unha xestión eficiente e transparente para garantir un uso responsable dos recursos públicos e apoio ás pequenas empresas locais. O BNG continuará supervisando e apelando a unha xestión responsable e sostible.

Deja un comentario

Don't Miss