O Plan de Sostibilidade Turística, polo que acadamos 2 millóns de euros no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dos Fondos Next Generation da Unión Europea contempla dentro de todos os eixos de actuación o coidado do medio ambiente e a loita contra o cambio climático.
Nesa liña, a renovación de todo o alumeado público para avanzar no aforro enerxético é fundamental. Nestes momentos estase actuando no tramo do Vial de Praias que vai desde a última baixada á praia de Mogor ata a Rúa Gago de Mendoza, onde se renovarán 72 puntos de luz, tanto a farola como a luminaria, para instalar tecnoloxía LED.
Lumea Instalaciones e Formetesa Lalín
O concelleiro de Rural, Pablo Novas, fixo esta mañá unha visita acompañando aos técnicos das dúas empresas que se están encargando da execución desta obra, dividida en dous proxectos diferentes: Lumea Instalaciones SLU e Formatesa Lalín. Novas explicou a importancia de ter “unha estratexia turística integral como a que temos en Marín que nos permitiu acceder a estes fondos, cos que vamos levar a cabo obras esenciais para seguir mellorando o vial”. Neste caso, investíronse máis de 102.000 euros.
Esta actuación, cuxa execución “avanza a bo ritmo”, tal e como puido comprobar in situ o edil, está previsto que remate a mediados de outro e “dá continuidade ao tramo no que xa renovamos as luminarias hai dous anos á altura da praia de Mogor”, lembrou o concelleiro.