Os datos turísticos dos meses de xullo e agosto foron especialmente positivos para Galicia, ao rexistrarse o nivel de demanda turística -é decir, o número de noites nos establecementos turísticos- máis alta da súa historia nun verán, e superando, ademais as cifras do Xacobeo 21-22.
Así o revelan as cifras feitas públicas hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para o mes de agosto que, sumadas ás de xullo, constatan que neses dous meses o número de noites incrementouse nun 1,5% como consecuencia dunha mellora na estadía media. Son datos mellores que dos dous anos anteriores e tamén que do 2019, previo á pandemia.
Galicia, primer destino verde da España
Con estas cifras, Galicia colocouse como o sétimo destino máis importante de España este verán, por detrás de Cataluña, Baleares, Andalucía, Canarias, Comunidade Valenciana e Madrid.
E foi, deste xeito, o primeiro destino da España Verde (da que forman parte tamén Asturias, Cantabria e País Vasco).
Galicia medra un punto por riba da media estatal en canto a demanda turística, xa que no conxunto de España as cifras mantivéronse estables neses dous meses, cunha variación pouco significativa do 0,5%.
As cifras do INE revelan tamén que durante este verán o 61% da demanda turística correspondeu aos hoteis e pensións mentres que o 39% restante ficou no aloxamento extrahoteleiro, é dicir, os cámpings, albergues, apartamentos turísticos e establecementos de turismo rural.
Destacou especialmente o comportamento do mercado internacional que incrementou o número de noites nun 11,5% en relación ao ano pasado. Con preto de 1,1 millóns de noites nos establecelementos hoteleiros e extrahoteleiros, o turismo internacional acadou un máximo histórico de demanda durante os meses de xullo e agosto.
Con estas cifras pechadas ao mes de agosto, Galicia rexistrou no que vai de ano máis de 4,8 millóns de viaxeiros que realizaron máis de 9,5 millóns de noites en hoteis, pensións, cámpings, albergues, apartamentos turísticos e establecementos de turismo rural. Isto supón un incremento dun 6% con respecto ao ano pasado.