A concelleira de Parques e Xardíns, Cristina Acuña, asegurou que é “unha pena enorme”, pero que o estado da árbore, que estaba afectado no seu tronco, impedía calquera outra solución e supoña un importante perigo para a seguridade de viandantes e de coches.
Triste adeus ao exemplar de cedro situado diante da entrada principal do Concello. Onte os técnicos talaron esta árbore, que supoña unha importante perigosidade tanto para os viandantes como para o tráfico rodado da Avenida de Ourense, porque se atopaba totalmente ladeado despois dos embistes dos últimos temporais e pola podredume que presentaba por dentro do seu tronco.
Tal e como explicou a concelleira de Parques e Xardíns, Cristina Acuña, “víase perfectamente como o tronco xa non tiña un sostemento correcto, estando tronzado polo medio e suxeitado ao chan de forma moi débil. É unha pena enorme pero non nos queda outro remedio”, indicou.
Agora verase de dotar a esta zona doutro exemplar de árbore que poida manter o equilibrio ornamental do espazo.