A concelleira de Patrimonio, Beatriz Rodríguez, presentou as XXII Xornadas Blanco Freijeiro, xunto co coordinador do ciclo, Juan Castro, e a sobriña do noso veciño predilecto que lle dá nome ás xornadas, María Sancho, que se celebrarán do 27 de novembro ao 3 de decembro na Biblioteca Municipal Vidal Pazos.
O tema escollido para esta edición das Xornadas está relacionado coa recente creación dunha Sala de Arqueoloxía no Museo Torres, que comezou a súa programación cunha exposición temporal sobre o mundo romano en Marín. As Xornadas reforzan esa temática e pechan o círculo, tratando o que supuxo a
chegada de Roma ao noroeste peninsular, ao que os romanos denominaron Gallaecia.
Os distintos relatorios xiran en torno a esta idea. Dous deles estarán dedicados a dúas das tres capitais, Lucus Augusti, actual Lugo, e Bracara Augusta, actual Braga. A terceira foi Asturica Augusta, actual Astorga. Coñeceremos o papel que xogaron estas cidades no proceso de romanización do noroeste ou na administración do territorio, ademais do seu urbanismo e arquitectura. Pero a primeira conferencia tratará sobre o campamento romano de Aquis Querquennis, localizado no concello de Bande, no suroeste da provincial de Ourense.


Exército romano
Este campamento está vinculado á vía romana XVIII, coñecida como Vía Nova, e a conferencia nos permitirá coñecer este asentamento e tamén como era ese poderoso exército romano. O último relatorio estará dedicado a un tema moi complexo nuns séculos de tantos cambios; o da relixiosidade. Roma chega co seu panteón de deuses a unha Galicia na que existía unha relixiosidade distinta, que se foi forxando durante a Idade do Ferro. Ademais, por se isto fora pouco, paulatinamente se asenta unha nova relixión, que acabará impoñéndose a todas as demais crenzas: o cristianismo.
Para remate, na excursión coa que se pecharán as Xorndas, desprazarémonos ata Allariz, para coñecer a cidade romana de Armea, un espectacular xacemento no que se leva escavando de xeito ininterrompido dende hai trece anos. Coñeceremos ademais a fermosa sauna galaico-romana do Forno da Moura
situada nas inmediacións.
Programa
Luns 27/11/23
Presentación
20:00 h. Entrega da documentación e confirmación da inscrición
20:30 h. Presentación e inauguración das Xornadas a cargo da Concelleira de Cultura Beatriz Rodríguez Gómez
Martes 28/11/23.
“Aquis Querquennis”
20:00 h. Relator: Santiago Ferrer Sierra. Arqueólogo, administrador de Prospeccións Arqueolóxicas S.L.U. e Director do Centro Arqueolóxico de Aquis Querquennis
Mércores 29/11/23
“Lucus Augusti, unha cidade romana nos fisterres atlánticos”
20:00 h. Relator: Enrique González Fernández. Arqueólogo municipal de Lugo.
Xoves 30/11/23
“A construção em Bracara Augusta: sociedade, economia e território”
20:00 h. Relator: Jorge Ribeiro. Doutor en Arqueoloxía, Laboratório de Paisagem, Património e Território da Universidade do Mihho
Venres 01/12/23
“Entre o cambio e a continuidade: unha aproximación á relixiosidade da Gallaecia romana”
20:00 h. Relator: Aitor Freán Campo. Doutor en Historia, Xeografía e Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela
21:30 h. Clausura e entrega de diplomas de asistencia, a cargo da Sra. Alcaldesa María Ramallo Vázquez
Domingo 03/12/23
Visita ao xacemento arqueolóxico de Armea, Allariz
“Armea: un castro convertido en Cibdá romana no interior da Gallaecia”
Guía-relator: Adolfo Fernández Fernández. Doutor en Arqueoloxía, Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo
A inscrición, coma sempre, será gratutia e pode realizarse a través do mail
xornadas.blanco.freijeiro.marin@gmail.com.