A Deputación recibe unha achega de 37.000 euros da Xunta para os traballos no CAAN

No centro recupéranse estes días catro cachorros que foron abandoados xunto a un colector de lixo en Vilaboa.
14 de noviembre de 2023
cachorros vilaboa

A Xunta de Galicia respaldou recentemente o esforzo do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra no coidado dos animais, ao outorgar unha subvención de case 37.000 euros. Estes fondos destinaranse a cubrir os gastos relacionados coa esterilización, identificación con microchip, adquisición de alimentos e vacinacións levadas a cabo nas instalacións da Armenteira.

Estas axudas, asignadas a través dun proceso de concorrencia competitiva para as entidades locais, teñen como obxectivo apoiar iniciativas dirixidas á protección dos animais domésticos abandonados en Galicia. É importante subliñar que todos os cans que son adoptados a través deste centro saen con vacinacións, identificación mediante chip, desparasitación e esterilización. Entre o 1 de setembro de 2022 e o 31 de agosto de 2023, realizaronse un total de 808 identificacións e 394 esterilizacións. Ao longo deste período, foron acollidos un total de 1.511 animais procedentes dos 52 concellos que participan neste servizo na provincia.

O CAAN traballa incansabelmente durante todo o ano, 24 horas ao día, ofrecendo servizos de recollida e atención veterinaria de urxencia. Recentemente, o centro recolleu unha camada de catro cachorros abandonados nunha caixa preto dun colector de lixo en Vilaboa. Os cachorros, chamados «Rosalía», «Flabia», «Aldán» e «Anxo», que se estima que teñen preto de vinte días de vida, atopáronse en bo estado de saúde.

Neste momento, o CAAN conta con 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao programa, mantendo o compromiso de promover o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e fomentar adopcións. As adopcións son gratuítas, e o persoal do centro ofrece asesoramento sobre qué can ou cadela se podería adaptar mellor ás necesidades de cada persoa. Para visitas ou formalización de adopcións, recoméndase solicitar cita previa chamando aos teléfonos 986 140 360 ou 886 217 391.

Deja un comentario

Don't Miss