A Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia celebran o 95 aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas na súa véspera coa reedición de dous clásicos do autor: Historia de emigrantes e Galegos no Golfo de México. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte na presentación destes volumes, que se suman á colección Biblioteca Neira Vilas, que xa acumula unha quincena de títulos do autor de Memorias dun Neno Labrego.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mostrouse satisfeito de que volvan estar nas librarías, a disposición de todos os lectores, “dous libros tan representativos de Pepe Neira Vilas, quen foi un gran narrador, pero tamén poeta, dramaturgo, ensaísta e magnífico xornalista, e que esteou a súa creación sobre as súas propias vivencias, o que lle dá unha total autenticidade e converte os seus libros, ademais de nunha obra de arte, nun testemuño valiosísimo da importancia que tivo a emigración galega para os países de acollida”. O secretario xeral de Política Lingüística gabou tamén o magnífico prólogo redactado para Galegos no Golfo de México polo catedrático de xornalismo Xosé López García.
Canda Valentín García tamén participaron neste acto Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia; Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, e Xosé López García, prologuista de Galegos no Golfo de México.
Compromiso coa emigración galega
Historia de emigrantes e Galegos no Golfo de México supoñen unha extensión do compromiso do autor coa emigración galega, movemento do que foi partícipe coa súa estadía primeiro en Arxentina e despois en Cuba.
Precisamente, o primeiro deles recolle notables retratos e paisaxes dun Bos Aires que sempre está presente nas súas historias, mentres que o segundo, como o seu nome suxire, recompila a modo de relato xornalístico a súa estadía na illa caribeña, na mesma liña que Tempo Novo, a súa novela sobre a emigración galega en Cuba reeditada o pasado ano tamén pola Xunta de Galicia e Galaxia.
Un dos autores galegos máis sobranceiros
Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é sen dúbida un dos escritores galegos máis sobranceiros. Falar del é falar indiscutiblemente de Memorias dun neno labrego (1961), a novela sobre Balbino, aquel rapaz de aldea nacido froito da súa experiencia ao outro lado do Atlántico.
Escritor, xornalista e ensaísta, acumula numerosas obras entre as que hai cabida para público de todas as idades como Cartas a Lelo(1971), Espantallo amigo (1971) ou O cabaliño de buxo (1971). Ademais, o autor crucense recibiu ao longo da súa vida numerosas distincións tales como a Medalla Castelao en 1988, o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano no 2010 ou o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras, outorgado pola Xunta de Galicia, no 2014.