O Concello conseguiu outra subvención do ente provincial para financiar a readaptación do proxecto que se quere levar adiante no pavillón do Sequelo. Esta axuda enmárcase no plan de recuperación, transformación e resiliencia no ámbito do turismo deportivo sostible e foi de cerca de 15.000 euros.
Neste caso, o Concello plantexa illar exteriormente con SATE todas as zonas de bloque de formigón, coa finalidade de dar un acabado máis neutro ao edificio, usando pinturas lisas que axuden á súa armonización coa paisaxe.
O obxectivo é dotar ao pavillón dunha nova cuberta que conte con illamento térmico e impermeabilización, de tal xeito que se mellorará a eficiencia enerxética do pavillón e a sensación de confortabilidade.
A maiores, e seguindo na liña do aforro enerxético, plantéxase a instalación de agua quente sanitaria con dúas bombas de calor aerotérmicas, que conten cunha instalación fotovoltaica que recargue ese ACS en horas de luz para o seu uso posterior.
Pavillón da Cañota
Seguindo esa mesma estela, a Xunta de Goberno Local deu luz verde para o inicio do expediente de contratación da obra de mellora enerxética e de confortabilidade do Pavillón da Cañota. Este proxecto, vital para a infraestrutura, a mellorará en tres dimensións: eficiencia enerxética, habilitabilidade e accesibilidade. A obra realizarase ao abeiro dun convenio coa institución provincial por un importe total de 662.811 euros, aportando a Deputación o 70% (463.968 euros) e o Concello o restante 30% (198.843 euros).