O Goberno local informou esta mañá de que se iniciarán os trámites para resolver o contrato á empresa adxudicataria da obra de reconversión do antigo Liceo Casino nun futuro Centro de Día Xuvenil e no Arquivo municipal.
Esta decisión tómase despois de que a empresa leve sen traballar e executar os labores correspondentes nos últimos tempos, incumprindo as esixencias contractuais e producindo un gran agravio ao correcto desenvolvemento do proxecto.
Tal e como explica o Concello, esta resolución foi notificada á empresa, que unicamente levaba executado un 33% do total da obra, aproximadamente. Por iso, agora iníciase unha nova tarefa administrativa para poder licitar a execución da porcentaxe que queda.
Un espazo multidisciplinar para o que se activará unha escoita activa da xuventude e un novo arquivo para o Concello. Desde o Concello, queren que o futuro Centro Xuvenil sexa un espazo que lle sirva
á mocidade como punto de referencia de actividades interesantes a nivel social, cultural e formativo, para que poidan desenvolver o seu potencial, namentres gozan dun tempo de lecer de calidade.
Arquivo municipal
Novas tecnoloxías, destrezas educativas, aptitudes culturais e artísticas e outras liñas de desenvolvemento persoal serán as liñas que marquen as actividades e servizos que se ofrezan no centro, que estará pensado para rapaces e rapazas de entre 14 e 20 anos, aproximadamente.
Segundo se extrae do proxecto, o centro contará cun amplo vestíbulo, que servirá como un espazo polivalente; unha sala de traballo e de estudo, unha sala de informática e unha sala de xogos e descanso.
No que respecta á planta baixa, que albergaba a sala de baile do antigo Liceo Casino, será destinada, tal e como xa se anunciara no momento da adquisición do local, a crear o arquivo municipal.
Este espazo contará con arquivadores móbiles de accionamento mecánico e cun pequeno almacén. Tamén se prevé a instalación dun ascensor que facilite o acceso peonil como o traslado de cargas pesadas ao arquivo.