Nestes últimos anos, Olga Torres Cancela ten axudado a moitas familias a lidiar con esta dificultade. Algunhas coas que temos falado, coméntannos que é pouca a implicación que en xeral o profesorado e o sistema educativo ten coas súas crianzas no momento que xorden dificultades ao respeto, ou hai que aplicar métodos distintos aos que son habituais nas aulas. Outras familias que traballaron con Olga, dan grazas por tela atopado no seu camino, dado que todo resultou máis doado con ela, tanto dentro como fóra das aulas.
Sexa como sexa todas elas poñen de relevo a necesidade dunha detección e sobre todo atención temperá na escola, xa que en moitos casos, ao non ser detectada a tempo, pode xerar unha ralentización importante na aprendizaxe de nenos e nenas. Torres Cancela pola súa banda incide na importancia da metodoloxía de traballo con eles/as, xa que di que o problema non é a dislexia senón as carencias metodolóxicas para afrontala.
Diario Marín (DM Cristina Corral Soilán): ¿En que momento da súa vida empezou a ter contacto co concepto de “Dislexia”?
Olga Torres Candela: Con certa profundidade, dende o confinamento, cando teño a oportunidade de poñerme a traballar co meu fillo de 6 anos, que non arrancaba a ler. Dende entón, conseguín ir atopando solucións tanto metodolóxicas coma de material adaptado.
DM: A que problemas cotiás se enfrontan as persoas disléxicas no seu día a día?
Olga Torres Candela: Hoxe en día non debería ser un problema ser disléxico. Estamos na era da tecnoloxía, a aprendizaxe xa non se basea exclusivamente na lectura nin na escritura coma tempo atrás. É posible acadar os contidos académicos a través de vídeos, audios, imaxes, etc. E temos un bo número de aplicacións informáticas que nos facilitan a aprendizaxe adaptada, coma a extensión Pixie, a tipografía Opendyslexic , Naturalreader, etc. É cousa de atopar o que lle vaia ben a cada alumno.
DM: Nestes tempos non tería sentido ningún que alguén coma Thomas Edison non atopase formación no sistema escolar, tal como lle pasou no século XIX. Está preparado o sistema educativo en Galiza para afrontar as necesidades do alumnado neste terreo?
Olga Torres Candela: O empregar a palabra “diagnóstico” para referirnos a neurodiversidades tan comúns coma a dislexia xa nos di moito da nosa sociedade. Hai que recordar que non é unha enfermidade, que non hai que terlle medo, que ten unha gran carga xenética e que non hai que escondela. Ou acaso imos ter vergoña de ser bos arquitectos, escultores, inventores ou autores? Moitas familias ven un problema onde realmente hai unha gran fortaleza. E moitos colexios ven un/unha mal alumno/a cando realmente hai carencias metodolóxicas.
Crianzas con etiquetas
DM: Porque medidas pensa vostede que deberían comezar?
Olga Torres Candela: Por educar a sociedade na neurodiversidade. Ser diferente é o normal. E coñecerse a un/unha mesm@ e as necesidades de aprendizaxe que poidas ter é un valor engadido. Saber situar ás nosas crianzas e alumnado nesta paisaxe neuronal danos a posibilidade de poder aportarlles o que necesiten para o seu desenrolo coma persoas e estudantes e sempre dende a normalidade, a tranquilidade e a felicidade. Ninguén quere nen@s traumatizad@s por unha “etiqueta” ou por escolas inaxeitadas para eles/as.
DM: Vostede mesma deseñou materiais para persoas disléxicas, de que se trata?
Olga Torres Candela: Unhas das medidas que funcionaron co meu fillo foi crearlle unhas libretas con pautas específicas para que as percibira en dúas dimensións e sen movemento nin distorsións. Son libretas que recomendo para calquera idade e para cando atopamos un problema de trazado incoherente coas capacidades d@ estudante. Crianzas con dor de cabeza, que ven a cuadrícula con movementos ou en 3D, que teñen caligrafía moi inmadura e dificultosa. Se as necesita, a melloría na grafía é inmediata. A reación habitual da nais cando ven escribir ós seus nenos na libreta é botarse a chorar. Así de impactante é empregar soportes diferentes para nen@s diferentes. E o mellor é que, co tempo, o estudante consegue escribir en folios brancos porque o cerebro xa é capaz de imaxinar de seu esas liñas grises.
DM: Como se pode acceder a estes materiais?
Olga Torres Candela: Poden atopalas en Amazon: Littera-dys ® , hai unha lista das diferentes pautas no seguinte enlace: https://linktr.ee/littera_dys
DM: Como podemos saber se alguén no noso entorno é disléxico?
Olga Torres Candela: A dislexia é un espectro, o que quere dicir que non todos @s disléxicos teñen as mesmas características nin co mesmo grado. A idades tempéranas algunhas pistas poden ser: a dificultade para a memorización de listas (días da semana, meses, táboas de multiplicar), mala fonética, nivel de lectura e escritura inadecuado para a súa idade ou capacidades, ainda que destacan pola gran imaxinación, facendo manualidades, construcións, visión espacial e debuxando. De maiores o que más chama a atención son as faltas de ortografía (hoxe ben disimuladas grazas ós correctores ortográficos). Pode que sexa un profesional brillante, pero que evita escribir a man para non cometer faltas de ortografía.
A lentitude medolóxica do sistema educativo
DM: Hai anos Richard Allington, profesor emérito da Universidade de Tennessee afirmaba que a dislexia non existía, tamén o deputado británico Graham Stringer, criticando que no Reino Unido se considere unha discapacidade, estas dúbidas levan platexándose nos círculos de investigación desde os 70. Cal é a súa opinión ao respecto?
Olga Torres Candela: As investigacións sobre a neurodiversidade non chegaron ao seu fin, vanse descubrindo novas relacións e entendendo mellor a diversidade. Fai 30 anos Helen Irlen descubriu que moitos dos problemas de lectoescritura tiñan relación coa alteración da percepción visual, provocando
distorsións nos textos impresos. Estas desaparecían ou minimizaban mediante un filtrado da luz branca. Isto que xa leva na comunidade científica dende os anos 80 levoume dous anos de lecturas e viaxes por
Internet. Parece incrible, non? Pois o seguinte aínda o ha parecer máis: cun simple plástico verde de 0,08€ o meu fillo comezou a percibir os textos moito máis nítidos e sen movementos e arrancou a ler (e non, non ten ningún problema optométrico, xa que está máis que revisado!). E tras el, alumn@s e seguidores/as de Instagram co mesmo problema. Foron os dous anos mellor invertidos da miña vida!
Pero aínda así, hai quen nega que exista este síndrome. Son cousas da humanidade, sempre haberá quen diga que a Terra é plana. Para min a discapacidade está no sistema educativo que vai moi lento aplicando metodoloxías adaptativas.
DM: Cal cre que é a situación do noso país con respecto a outros no tocante á dislexia?
Olga Torres Candela: A situación actual real é que hai moito nen@ desatendid@ e moitas familias desesperadas. Coma @ disléxic@ aprende a disimular nas aulas -e grazas a plasticidade do cerebro- vai mellorando curso a curso, hai quen non lle da importancia. Pero que un/unha nen@ traballador/a estea dentro do fracaso escolar crispa a calquera do entorno familiar. E mais aos propi@s rapaces/as, que acaban tendo moitos problemas de autoestima. Dende a Consellería de Educación estanse a levar a cabo programas de formación de competencias dixitais d@s docentes, que abranguen todos os frontes da ensinanza. Dentro duns anos veranse resultados.
A importancia de normalizar as adaptacións
DM: Vostede é profesora de Educación Secundaria en Marín, como xestiona na súa aula as necesidades do alumnado con este tipo de trastornos da linguaxe?
Olga Torres Candela: Teño moi normalizado as adaptacións na aula para que ninguén se sinta “@raro”. Ó principio de curso perdo varias sesión ensinándolles a empregar programas informáticos para axudarlles a estudar e adaptarse as súas necesidades (detectadas e/ou ocultas) e o material en papel sempre llelo ofrezo a toda a aula en tres tipos de letra diferente. Con estas dúas cousas xa sacamos moita información de necesidades de aprendizaxe, tanto eles/as coma min. Consensúo, alumn@ a alumn@, as medidas que entre ambos creamos convenientes, teñan un diagnóstico ou non. E a vez que vou detectando necesidades, tamén vou buscando fortalezas e emprégoas para empoderar a ese alumnado etiquetado como “alumn@ con necesidades específicas de aprendizaxe”. Por exemplo: sabendo que @s disléxic@s teñen unha percepción visual por encima da media, sempre fago unha sesión de xogos visioespacias para darlles a oportunidade de sobresaír e presumir das súas fortalezas. Unha das cousas das que me sinto mais satisfeita e que nas miñas clases respéctanse as diferencias de aprendizaxe. Ademais do seu traballo como docente, tamén fai traballos con familias do resto de Galiza no terreo da dislexia.
DM: En que consisten?
Olga Torres Candela: A miña principal labor é de divulgación das medidas exitosas co meu fillo e co meu alumnado a través do perfil de Instagram, @asesora_lectoescritura.neae e dende os cursos que imparto a través do CFR de Pontevedra. Tanto profesionais da ensinanza coma familias solicitaron asesoramento dende esta conta, e moit@s viñeron ata Pontevedra para poder testar todo o material que eu teño.
DM: E como calificaría a experiencia?
Olga Torres Candela: A experiencia está sendo moi positiva: tiven case o claustro enteiro dun colexio reunido no salón da miña casa, familias que están plantexándose vir dende Mallorca para que axude ós seus fillos, todos os días escríbenme nais pedindo recomendacións…é un non parar. Pero fágoo con gusto, é a miña gota de auga neste deserto que atopamos as familias con nen@s disléxic@s.
DM: Que consello daría ás familias que teñen algunha crianza que ven de ser diagnosticada de dislexia?
Olga Torres Candela: Que non o vexan coma un problema, só que a partir dese momento deixen de obrigarlle a ler e escribir para adquirir contidos académicos. Para aprender terá que ver máis vídeos, escoitar a lección mediante audios e estudar mediante resumes gráficos. Que ler vai a ler, co tempo. E que tanto a familia coma o profesorado non perdan o obxectivo educativo de ir ó colexio: estamos escolarizados para adquirir competencias. Se alguén fracasa no sistema educativo porque se lle avalíe exclusivamente mediante a competencia lectora, o fracasado é o propio sistema.
Cristina Corral Soilán es subdirectora de Diario Marín, poeta, periodista y profesora.
Moi boa entrevista. Parabens para as dúas!
Gracias, Silvia 🙂