Ler a Santiago Lorenzo nos tempos que corren supón unha bocanada de aire fresco. Maxistral na pluma e mordaz co pensamento, Lorenzo adéntranos na realidade destes tempos convulsos onde as sociedades
tan cambiantes, tan incultas, tan desmedidas para todo, atropélannos sen deixarnos dicir nin un “ai”.
As verbas manan a gallarón da áxil pluma de Santiago Lorenzo coma se unha sorte de fogos artificiais se derramase sobre o papel en branco. Parágrafos densos e ao mesmo tempo veloces van entrando polos nosos ollos para debuxar a fauna dunha sorte de persoas que facilmente podemos recoñecer na nosa contorna diaria, e aos que seguramente aborrecemos en silencio, como lle sucede ao protagonista de “Los asquerosos”, pero aos que non nos queda máis remedio que “tolerar”, pois forman parte da paisaxe.
Parágrafos densos e veloces
Segura estou de que se o ilustre Cervantes levantase as súas posadeiras da tumba apertaría fortemente a man de Lorenzo, pois hai na súa prosa un deixe similar ao que cobre as páxinas do Quixote e en certo xeito, as fazañas do protagonista non deixan de ser un transcorrer polos campos da España, que, salvando as distancias, ben podía ser a do fidalgo manchego.
Afiada e mordaz, a palabra de Lorenzo deixa n@s lectores/as a necesidade de avanzar sen pausa polas páxinas de “Los asquerosos”, unha historia que nos reafirma na importancia de nos coñecer a nós mesm@s lonxe do mundo en que habitamos e dos excesos da vida comunitaria, así como do innecesario de todo aquilo que cremos precisar para seguir adiante, porque semella que no fondo, este mundo que habitamos, parece que queiramos ou non, tamén nos está volvendo a tod@s un pouco asqueros@s.