A Deputación de Pontevedra acadou un recoñecemento en materia de accesibilidade no seu portal web institucional e a súa sede electrónica, obtendo unhas notables puntuacións de 9,74 e 9,31 puntos sobre 10, respectivamente, segundo a cuarta edición do Observatorio de Accesibilidade Web do Ministerio de Economía, Asuntos Exteriores e Transformación Dixital do Goberno de España, realizado coa metodoloxía de seguimento simplificada UNE-EN 301549:2022 o pasado mes de xullo.
A accesibilidade web implica garantir que os sitios web sexan accesibles para todas as persoas, incluídas as persoas con discapacidade, mediante o deseño e desenvolvemento de ferramentas e tecnoloxías adaptadas para o seu uso. Isto implica que todos os usuarios poden percibir, comprender, navegar, interactuar e contribuír na web de forma eficaz.
Este logro supón un avance significativo, especialmente para o portal web, que experimentou un incremento de 1,1 puntos con respecto á avaliación anterior. A Deputación de Pontevedra sitúase agora no noveno posto entre as 750 webs analizadas correspondentes a entidades locais, o que supón unha mellora substancial respecto do posto número 58 da anterior avaliación.
Ademais, a nivel de deputacións, o recoñecemento é aínda máis salientable ao acadar a quinta mellor puntuación, mellorando a súa posición dende o posto 11 da análise anterior. No caso da sede electrónica, na súa primeira participación nesta análise, ocupa o posto 42 e 8 destas mesmas categorías, respectivamente.
Norma UNE
A norma UNE-EN 301549:2022 é unha especificación técnica que proporciona pautas e requisitos para mellorar a accesibilidade dos produtos e servizos TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Céntrase en facer que a información e a tecnoloxía sexan accesibles para todas as persoas, incluídas as persoas con discapacidade, garantindo a igualdade de oportunidades e a inclusión. O acrónimo «UNE» fai referencia ás normas españolas elaboradas pola entidade española de normalización, mentres que «EN» indica que a norma está harmonizada coas normas europeas. O número «301549» identifica especificamente esta norma.
Nivel de adecuación de AA
É importante destacar que todas as páxinas analizadas no portal web da Deputación de Pontevedra acadaron o nivel de adecuación (AA), o que subliña a aposta da institución pola accesibilidade. Aínda que se detectaron algúns erros en materia de accesibilidade na sede electrónica, o persoal técnico da institución provincial xa está a traballar na súa corrección, e a sede electrónica tamén logrou acadar o nivel AA no conxunto da avaliación. Este recoñecemento consolida o compromiso da Deputación de Pontevedra coa mellora continua da accesibilidade nas súas plataformas dixitais.