A provincia de Pontevedra é a que maior número de solicitudes presenta e tamén na que máis número de solicitudes quedan sen financiamento por mor das limitacións orzamentarias. Tras oito anos nos que o anterior goberno provincial deixou de convocar as liñas de axudas económicas de acción comunitaria, o grupo de Goberno Provincial pretende corrixir esta situación e volver a retomar o seu apoio económico aos movementos asociativos veciñais, entre os que se inclúen as asociacións de veciños e de mulleres rurais.
Con tal fin, a Deputación vese na obriga de cubrir as necesidades das entidades veciñais e comunitarias activando unha liña de axudas a través do Plan Provincia Comunitaria 2024, para asociacións de veciños e de mulleres rurais, cos seguintes obxectivos xerais:
a) A mellora do medio rural e barriadas urbanas mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles, que permita ós seus habitantes unhas adecuadas condicións de vida
b) O desenvolvemento das propias asociacións co obxecto de aumentar a súa capacidade de xestión e resolución de problemas, fomentar a súa participación nos distintos ámbitos de actuación e propiciar a súa sustentabilidade
c) Contribuír á mellora da calidade de vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo e o desenvolvemento comunitario
d) Mellorar as infraestruturas e equipamentos comunitarios para facilitar a autoxestión das asociacións, favorecendo a transformación social do territorio de xeito integrador e colaborativo
e) Contribuír á implantación homoxénea en todo o territorio provincial de servizos comunitarios básicos que redunden na mellora da calidade de vida da veciñanza.
Actuacións subvencionables
Serán subvencionables os gastos derivados de investimentos e equipamentos, todos eles orientados ao cumprimento dos fins das entidades solicitantes e ó seu funcionamento ordinario, cuxa execución se inicie a partir do 1 de xaneiro de 2024 ata o fin do prazo de execución regulado nestas bases, e sempre que estean destinados a algunha das seguintes intervencións:
1. EXECUCIÓN DE OBRAS
Gastos derivados de investimentos en inmobles ou terreos de titularidade da entidade solicitante ou sobre os que teñan un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título válido en dereito cunha duración mínima de 5 anos, a contar desde a finalización do prazo para a presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, consistentes en:
• Obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais en que a entidade veciñal desenvolva a súa actividade
• Obras de acondicionamento, reforma e ampliación noutras infraestruturas, equipamentos e espazos en que a entidade veciñal desenvolva a súa actividade
• Obras de novas infraestruturas, equipamentos e espazos que se vaian destinar ao cumprimento dos fins da entidade veciñal
2. ADQUISICIÓN DE EQUIPAMENTOS
Gastos derivados de equipamentos necesarios para o funcionamento da e entidade solicitante, consistentes en:
• Adquisición de equipamento e mobiliario básicos para os locais sociais ou outros inmobles nos que se desenvolva a actividade, que resulten necesarios para o funcionamento ordinario da entidade, integrado por mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual.
• Adquisición doutro equipamento ou mobiliario necesario para o funcionamento e posta en marcha de actividades específicas da entidade veciñal.
En calquera caso, só serán subvencionables as actuacións operativas, é dicir, aquelas que conteñan os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron deseñadas. Todos os gastos deberán corresponderse con actuacións realizadas dentro do prazo de execución establecido nestas bases. Non serán subvencionables os gastos correntes das entidades, tales como material funxible, luz, auga, teléfono, alugueiros de locais e similares, nin tampouco vehículos e teléfonos móbiles, nin bens de alta gama que non xustifiquen expresamente a súa utilización preferente sobre outros dispoñibles no mercado.
Para o caso dos investimentos, non serán subvencionables os gastos sobre actuacións en novas infraestruturas e equipamentos ou sobre os xa existentes cando non se dispoña da titularidade ou dun dereito de uso cunha duración mínima de cinco anos que as ampare. Os gastos notariais e rexistrais, así como os de redacción de memoria ou proxecto serán subvencionables se están directamente relacionados co investimento subvencionado e son indispensables para a adecuada preparación ou execución da mesma. A entidade solicitante deberá xustificar adecuadamente que a actuación está amparada polos correspondentes permisos, autorizacións ou licenzas.
Entidades beneficiarias
1. Poderán solicitar as axudas reguladas nestas bases as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais da provincia de Pontevedra que estean legalmente constituídas e debidamente inscritas no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia (central ou provincial). As entidades deberán conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais, segundo o caso.
2. Para obteren a condición de beneficiarias, as asociacións deberán cumprir, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes os seguintes requisitos:
• Ter domicilio social na provincia de Pontevedra
• Estar legalmente constituídas e debidamente inscritas no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia (central ou provincial) con anterioridade á data na que finalice o prazo de solicitudes
• No caso de execución de obras, ter a titularidade ou o dereito de uso cunha duración mínima de cinco anos (a contar desde a data fin de presentación de solicitudes ao abeiro da presente convocatoria) sobre os terreos ou inmobles sobre os que se vaia realizar as actuacións subvencionables, sitos na provincia de Pontevedra
• Cumprir os requisitos recollidos no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, de subvencións
• Estar ao día nas obrigas que lles sexan de aplicación coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social, a Axencia Tributaria de Galicia e a Deputación de Pontevedra
Ningunha entidade poderá presentar máis dunha solicitude ao abeiro desta convocatoria de axudas, aínda que se refira a actuacións distintas. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo lugar ou sucesivo lugar.