Dende o domingo e ata o vindeiro venres 15 de decembro, preto de 150 persoas maiores de 50 anos de 18 concellos da provincia poderán gozar dunha estadía no Gran Talaso Hotel Sanxenxo e no Hotel Carlos I grazas ao programa “Depotermal” organizado pola Deputación de Pontevedra. Durante a súa estancia, poderán gozar de tratamentos con barro quente, sesións de activación muscular e articular monitorizadas, sauna, ducha circular, entre outros servizos.
No Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo aloxaranse 87 persoas dos concellos da Estrada, As Neves, Baiona, Gondomar, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Tui e Vigo. Por outra banda, o Gran Talaso de Sanxenxo acollerá a un grupo de 55 estradenses, Baiona, Cuntis, Marín, Ponteareas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Tomiño e Vigo.
O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido a maiores de 50 anos, xubilados, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado o respiro familiar, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños da provincia a actividades de lecer saudable e envellecemento activo nos establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, busca ser un programa que dinamice a economía provincial, promovendo a creación e mantemento de emprego no sector turístico nos períodos de menor actividade para desestacionalizar a demanda.
«Depotermal» ten dúas modalidades: unha diúrna, na que os beneficiarios acuden aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoctación, mediante a que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 os beneficiarios, dos que 664 se acollerán á axuda diúrna e 1.783 persoas beneficiaranse da axuda de aloxamento.