A auga, protagonista da campaña turística das Rías Baixas

As Rías Baixas están entre os cinco destinos nomeados por Viajes National Geographic para ser elixido mellor destino gastronómico de España.
19 de enero de 2024
ría de pontevedra agua

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou onte a campaña turística de 2024 que Turismo Rías Baixas presentará o próximo mércores 24, ás 12:30 horas, na Feira Internacional de Turismo (Fitur) e que levará por lema “100 % Rías Baixas”. “Na Deputación quixemos ser os mellores aliados do sector cunha campaña rompedora, desenfadada e enérxica orientada a un dos nosos mellores atractivos: a auga. Nun intre no que este recurso está no centro do debate, a nosa abundancia ten que ser unha vantaxe. Á auga debémoslle multitude de experiencias que fan que os que nos visitan vivan experiencias 100 % Rías Baixas”, afirmou o presidente da Deputación.

As Rías Baixas están entre os cinco destinos nomeados por Viajes National Geographic para ser elixido mellor destino gastronómico de España. A sostibilidade do destino foi outro dos aspectos que quixo destacar Luis López. “Hai moito tempo que o noso destino traballa nesa dirección; mesmo antes de popularizarse o termo sostible, As Rías Baixas xa o era. Por iso, sementar dúbidas sobre a calidade dos produtos do mar, sobre a excelencia das nosas costas ou sobre sectores que empregan milleiros de persoas é de todo menos responsable. O noso destino é de todos, como de todos é o deber de velar pola súa boa imaxe”, defendeu.

Número de visitantes máis alto desde 2010

Tamén puxo en valor o traballo realizado polas e polos profesionais do sector turístico ao longo dos últimos anos e o seu compromiso por potenciar aínda máis o destino. “Vexo un sector que traballa coma se o impresionante 2023 fose só un paso previo cara a un 2024 aínda mellor”, recoñeceu López, quen lle agradeceu a todo o sector por “dar o 100 % e facer que sexamos admirados e envexados en todo o mundo”.

Foi o bo traballo do sector turístico e das institucións o que logrou que o ano que acaba de rematar fose histórico, cun mes de agosto que bateu récords de ocupación, co camiño portugués pola costa medrando un 72 %, coas visitas aos castelos de Soutomaior e Sobroso rachando teitos ou cun Museo de Pontevedra rexistrando o número de visitantes máis alto desde 2010. “O turismo vai a máis e o seu empuxe fai que todos medremos con el”, exclamou o presidente da Deputación.

Deja un comentario

Don't Miss