Os concellos de Bueu e Moaña recibirán unha asignación de ata 196.000 euros para afrontar as cuestións sociais. Estes recursos forman parte do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e das Axudas Básicas de Emerxencia para o ano 2024, aprobadas recentemente pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, cun orzamento total de 3,7 millóns de euros. En concreto, Bueu recibirá ata 66.501 euros e Moaña 103.000 euros para servizos sociais.
O resto, 63.700 euros destínanse para sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente aquelas sen apoio persoal no seu entorno inmediato e outros 105.700 euros cubrirán os custos de persoal dos Servizos Comunitarios. En total,na primeira convocatoria centrada nos Servizos Sociais Comunitarios, a Deputación pon á disposición destes concellos 169.500 euros.
Emerxencias
No referente á segunda liña de subvencións aprobada, as Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o Goberno provincial destina a estas localidades 26.850 euros, para facer fronte ás necesidades da cidadanía que se atopa en situación ou risco de exclusión social, con especial atención ás persoas con menores ao seu cargo. Neste caso, Bueu poderá beneficiarse de ata 12.800 euros e Moaña de 14.050 euros.
As Axudas Básicas de Emerxencia destinaranse a alimentación, vivenda, subministros básicos, produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos básicos, desprazamentos, reparación e mantemento de vehículos, lentes, lentes de contacto e audífonos, gastos derivados de tratamentos odontolóxicos, produtos de apoio, atencións complementarias e axudas para adquisición de roupa, calzado, estudo e apoio á infancia.