A realidade virtual, protagonista da nova Oficina de Turismo de Marín no Auditorio

As novas tecnoloxías permitirán que se acheguen aos visitantes os recursos turísticos de Marín como nunca antes. A alcaldesa, María Ramallo, avanzou que xa se está a traballar nos pregos para a licitación deste servizo, que levará á vila ao maior punto de progreso de información turística.
25 de enero de 2024
novo centro sociocultural de marín

Pantallas multitáctil, proxeccións e gafas de realidade virtual son só algúns dos elementos que formarán parte da oficina, desde a que se potenciará Marín como un destino turístico sostible, verde, activo e cheo de posibilidades. A execución desta oficina seguirá os pasos do Auditorio, polo que non poderá estar a disposición do público antes do primeiro trimestre de 2025, pero iso non significa que neste verán a promoción turística non vaia ter protagonismo. Dentro do PSTD, estanse tamén a preparar os pregos para o impulso dunha campaña de cara a época estival deste ano.

A construción do Auditorio segue avanzando a un moi bo ritmo, sendo cada vez máis visible a fisionomía dun edificio que virá revolucionar a vida cultural, artística e social da nosa vila. Trátase dun edificio de alto deseño, eficiente e integrado na paisaxe que, ademais da parte do escenario e das butacas, contará con varias salas multifuncionais e cun amplo hall, que servirá para acoller un proxecto turístico á altura: a creación dunha Oficina Virtual de Turismo.

Esta oficina formará parte da vida arquitectónica da entrada do Auditorio e ten como obxectivo “mostrar Marín a quen nos visita coma nunca antes”, explicou a alcaldesa, María Ramallo, que destacou que este proxecto forma parte dun dos eixos do Plan de Sostibilidade Turística.

Nestes momentos, estase a traballar na redacción dos pregos que recollan as características desta oficina virtual, pero o Concello xa pode avanzar que a realidade virtual e a capacidade de interacción entre as persoas visitantes e o contido turístico serán “dúas liñas estratéxicas fundamentais”. “Queremos unha oficina do século XXI, que nos permita ofrecer ao turista todo o que temos dunha forma dinámica, inmersiva, axudándolle a namorarse de nós nada máis chega a Marín”, afirmou a rexedora.

Deja un comentario

Don't Miss