BNG de Marín reúne aos seus simpatizantes para as novas eleccións

A portavoz municipal nacionalista, Lucía Santos, destacou a transcendencia deste momento decisivo, subliñando que as eleccións representan unha oportunidade única para impulsar un cambio necesario en Galiza.
28 de enero de 2024
bng de marín

A Asemblea Aberta do BNG Marín, celebrada na Casa da Veiguiña o pasado 25 de xaneiro, converteuse nun evento cheo de enerxía, evidenciando o apoio da comunidade ás propostas de cambio e renovación para Galiza nas vindeiras eleccións galegas o 18 de febreiro. O local quedou pequeno para acoller a
participación dos veciños e veciñas.

A portavoz municipal nacionalista, Lucía Santos, destacou a transcendencia deste momento decisivo, subliñando que as eleccións representan unha oportunidade única para impulsar un cambio necesario en Galiza. Santos resaltou o crecemento sostido do BNG nas enquisas e a consolidación da opción liderada por Ana Pontón, fronte a un Partido Popular en caída libre.

Momento decisivo

«Estamos nun momento decisivo porque estas son as eleccións máis abertas dos últimos catorce anos, porque hai unha corrente de cambio imparable arredor do BNG, e porque podemos facer historia para que Galiza teña por primeira vez unha muller presidenta da Xunta sen ataduras para defender os
intereses deste País”,
afirmou Santos.

A líder nacionalista fixo un chamamento claro á veciñanza para participar activamente nestas eleccións, destacando a necesidade de colaboración e implicación para construír unha Galiza máis xusta e comprometida co seu pobo. Santos subliñou que é o momento de apostar por un novo proxecto de
País e facer historia. «Estamos diante da decisión de continuar co goberno actual, que nos está deixando atrás, ou de optar polo BNG para defender os intereses das galegas e dos galegos», manifestou.

Impulsar a economía galega

Durante a Asemblea, Santos compartiu os grandes compromisos do BNG para os vindeiros anos á fronte do goberno galego, enfocándose en reforzar os servizos públicos, impulsar a economía, loitar contra o cambio climático, avanzar no autogoberno político e financeiro, e promover unha sociedade xusta e feminista.

O ambiente durante a Asemblea foi de enerxía positiva e colaboración, onde se evidenciou o compromiso da comunidade con estas eleccións e coa construción dun futuro mellor. O BNG de Marín agradece enormemente a todas as persoas que se achegaron ao local na Veiguiña para escoitar e contribuír á
construción dunha Galiza comprometida co seu pobo.

O BNG de Marín continúa traballando coa convicción de que cada voto e cada voz son esenciais na construción dunha Galiza viva, xusta, forte e con futuro. «O teu apoio é esencial para seguir traballando xuntas e construír un futuro prometedor para Galiza», expresou Santos.

Deja un comentario

Don't Miss