Marcela Barsce Compagnucci dedícase desde fai trinta anos ao mundo da fisioterapia. A súa formación abarca a kinefilaxia, a ximnasia abdominal hipopresiva e está especializada en exercicio terapéutico en paciente oncolóxico. Hai uns meses e tras pechar o centro deportivo no que traballaba, decidiu poñer en marcha o seu centro, SISU, en Pontevedra.
Cristina Corral Soilán, Diario Marín (DM): Como xorde o seu centro integral de movemento?
Marcela Barsce: Xorde dunha necesidade persoal de facer a fisioterapia na que creo, onde a prevención a través do movemento, a chamada “kinefilaxia”, é a base do traballo. Tras tres décadas de profesión, tratei a moit@s pacientes en padiola onde, como tant@s colegas, apaguei “incendios”, lidei con esas dores agudas onde se pensa que, @ fisio, milagrosamente nunhas sesións, solucionará as túas doenzas, pero onde ti sabes que, nun mes, telo novamente pedindo auxilio porque non cambia aquilo que produce a súa dor. Ao pechar o centro no que traballei durante vinte anos e atendendo ás opcións laborais á vista, optei por, talvez, a máis arriscada pero, á súa vez, a que me permitía facer o que realmente quería. Como dixo Séneca, “a sorte é onde conflúen a preparación e a oportunidade”… Era o meu momento! E aquí estou.
DM: Que metodoloxía utiliza no seu centro?
Marcela Barsce: Utilizo os recursos que creo máis axeitados para cada alumn@. Aínda que quizais me sería máis cómodo, eu non “caso” con ningún método, pois non se pode aplicar un mesmo método a todo o alumnado sen ver outras opcións. Se percibimos a complexidade do ser humano e pretendemos axudalo realmente, debemos abrir o abano de ferramentas para abordar o que cada persoa realmente necesite nese momento e para iso, hai que centrase nun ámbito e formarse continuamente e, así, poder ter criterio e saber que elixir en cada caso.
DM: Que podemos dicir que ofrece ao alumnado?
Marcela Barsce: Eu ofrézolles unha abordaxe desde a globalidade pero cunha base moi forte en biomecánica, en anatomía, en fisioloxía, é dicir, todo se fai por algo, todo está xustificado, pero basicamente pódese dicir que trato de facer simple o complexo.
Kinefilaxía, prevención a través do movemento
DM: Que ámbito sería especificamente do que fala?
Marcela Barsce: Falo en concreto do ámbito da Kinefilaxia, como dicía antes, é dicir, a prevención a través do movemento, con toda a amplitude que esta disciplina ten. Falo tamén dos hipopresivos, que son unha ximnasia postural e respiratoria indicada para problemas de solo pelviano, perdas de ouriños, pre e post cirúrxicos abdominais, post parto, diastasis abdominal, problemas de costas, lumbalxias e un longo etcétera. E na que conto con formación nas dúas grandes escolas, Caufriez Concept (creador dos hipopresivos) e Low Pressure Fitness.
DM: E exercicio terapéutico?
Marcela Barsce: Tamén me refiro ao exercicio en paciente oncolóxico, pois fixen a especialización na Universidade Autónoma de Madrid. Aquí é absolutamente necesario entender que hai moito por facer, desde o diagnóstico inicial á fase de tratamento e, logo, as posibles secuelas que eses tratamentos nos deixan. É moi importante entender que para estes casos a formación debe ser específica. Traballo tamén con kuruntas, que son orixinalmente cordas fixadas á parede e utilizadas en ioga, só que en fisioterapia fixámolas a unha espaldera e utilizámolas como facilitadoras do movemento, para traballar aliñación, equilibrio, posturas invertidas, etc.
En que consisten as súas clases? Son personalizadas ou hai un patrón común?
As clases están conformadas por grupos de máximo oito persoas, onde as características e necesidades do alumnado son similares. Cada clase desenvólvese en función dese grupo específico e vaise modificando segundo xurdan novas necesidades. En xeral, o que hai que entender é que debemos movernos e canto máis, mellor, pero ás veces “esquecemos” como facelo, ou temos kinesiofobia (medo a moverme e facerme dano por antigas experiencias dolorosas). Debemos conseguir que as nosas capacidades estean por encima das nosas demandas, debemos recuperar a variabilidade, debemos xogar e divertirnos movéndonos.
DM: Nestes trinta anos de experiencia notou algún cambio no seu traballo?
Marcela Barsce: Moitos, e máis que debemos cambiar. Debemos deixar como única solución os métodos pasivos e a padiola e debemos entender que non podemos saber de todo. Hai que decidirse pola área que che gusta e dedicar todas as enerxías a actualizarte nese ámbito. Hai que saber moito, estudar permanentemente e ir axustando, dentro do teu propio criterio, todo o que vas aprendendo.
SISU, «ter forza interior»
DM: SISU é o nome do seu centro cal é a súa orixe?
Marcela Barsce: Etimolóxicamente, o termino SISU provén dunha raíz finlandesa que significa “interior” ou “dentro”, aparece traducido como “ter agallas” ou “ter forza interior”. Pode traducirse como determinación estoica, resistencia, coraxe, valentía, forza de vontade e capacidade de recuperación, unha forma de pensar orientada á acción. É iso que temos dentro, que ante unha adversidade fai que saquemos forzas e salgamos adiante. É unha palabra que propuxo a miña filla maior, e non podía estar máis acertada… Aínda que á fronte do alumnado só este eu, non hai dúbida de que os meus tres fillos e o meu marido son parte fundamental deste emprendemento.
DM: Con que frecuencia recomendaría a práctica do exercicio en xeral?
Marcela Barsce: Facemos dúas clases semanais, de 45 minutos cada unha, tempo que finalmente se estende a unha hora, porque parte da actividade é tamén o relacionarse entre compañeir@s. Un dos grupos, por exemplo, son mozas con fibromialxia e fatiga crónica, patoloxías que cursan cunha gran complexidade, con moita angustia e necesidade de falar e que mellor que facelo con quen vive o mesmo! Aquí non corremos mirando o reloxo, cumprimos amplamente coa clase, pero sempre hai un momento para conversar, para tomar un café nun pequeno espazo que teño, onde tod@s son libres de sentar e compartir tempo, intercambiar receitas, falar de fill@s, net@s e preguntarme mil veces que é iso do mate arxentino (risas).
DM: E en caso de pacientes oncolóxicos de que frecuencia temporal falamos?
Marcela Barsce: En relación aos enferm@s oncolóxic@s, as clases son individuais, porque deben adaptarse máis que nunca, ás súas necesidades e posibilidades. Cando xa están libres de tratamento, poden integrarse nunha clase “xeral” considerando claro, as súas circunstancias; en caso de estar en etapas máis duras da enfermidade, vanse axustando as clases, baseándonos nas necesidades e posibilidades do momento, porque sempre hai algo que facer. Ficar qued@s non debería ser opción.
DM: Que é o que máis lle gusta do seu traballo?
Marcela Barsce: O trato coa xente, encántame dar clases, divírtome moito, e é un pracer vel@s progresar, ver como esas molestias desaparecen, como recuperan a súa confianza. É un traballo moi agradecido.
La mejor!
Gracias por leernos y por tu comentario 🙂