O BNG de Marín solicitou á alcaldesa de Marín, María Ramallo, unha xuntanza de portavoces para demandar ao goberno municipal información sobre cal é o estado das praias do noso concello pola aparición de ‘pellets’ de plástico nos areais de Lapamán e A Coviña, sumándose ao amplo número das praias do noso litoral afectadas. Onte o Concello de Marín detectou os primeiros pellets na Coviña e Lapamán (xa que unha pequena parte está no noso termo municipal).
Esta situación favoreceu que a voceira do BNG, Lucía Santos, denunciase que “vinte anos despois volvemos a revivir unha nova catástrofe mediambiental no noso litoral repetindo paso a paso a irresponsabilidade por parte da Xunta de Galiza” e indica que “por moito que intente manipular a realidade o PP, estamos ante un grave impacto ambiental que afecta directamente á nosa saúde”.
Onte tamén os concelleiros Marián Sanmartín e Pablo Novas, xunto co persoal de Limpeza do Concello, fixeron esta mañá a nova ronda de supervisión e vixilancia, aparecendo restos do verquido de pellets de plástico nestes dous areais.
Servicio de Gardacostas
Desde o Concello, porase en marcha un protocolo de traballo e limpeza, así como o mantemento do repaso diario ás praias para poder detectar calquer novo rastro de pellets. Alertouse ao 112, que á súa vez dá aviso ao Servizo de Gardacostas, e á Policía Local. A alcaldesa, María Ramallo, asegura que «traballaremos na coordinación da limpeza para actuar con rapidez».
A Xunta de Galiza actuou dun xeito totalmente inaceptábel, con improvisación e neglixencia, sen dar directrices claras de actuación, que agora obriga aos concellos a ser os responsables de actuar, tendo que ser estes os encargados na coordinación de voluntarios da xestión da limpeza de ‘pellets’ nos areais sen
medios e sen coordinación.
Por iso é polo que o BNG amosa a súa preocupación polas novas coñecidas nos últimos días, así como por saber como se está coordinando en Marín a retirada de ‘pellets’ dos areais e se se está seguindo algún protocolo de actuación.
Con todo, Lucía Santos insta a María Ramallo, en aras á transparencia, a informar aos grupos da corporación de cal é o protocolo de limpeza que se está a levar a cabo nos areais e cal está sendo o impacto da vertedura, dado que é deber do goberno ser responsable ca cidadanía.
Onte os socialistas de Manuel Pazos Lamoso solicitaron unha monción de urxencia no Pleno que se celebra hoxe, con todo, a secretería xeral non incluíu o asunto en ningún punto do día.