As hortas urbanas do Sequelo volven ser un éxito entre a veciñanza. Recibíronse 76 solicitudes para as 72 parcelas dispoñibles, sendo moitas delas de persoas que xa explotaban algunha destas hortas e rexistrando 18 novas solicitudes.
Debido a estas catro peticións que superaban ao número de hortas ofertadas, a Concellaría de Medio Ambiente realizou onte ás 12.00 horas un sorteo no Salón de Plenos do Concello entre aqueles núcleos familiares que tiñan máis dunha parcela pedida.
“O modelo das hortas urbanas é un exemplo de éxito total”, asegurou a concelleira. “As persoas que resultaron beneficiarias dunha parcela nos últimos anos sempre resaltan os enormes beneficios que teñen para elas, ademais de que así coidamos do medio ambiente, fomentamos a participación cidadá, apostamos polo desenvolvemento sostible e promovemos a educación ambiental”.
As persoas beneficiarias poderán acceder xa ás súas hortas, que desfrutarán ata o 2027, cando se realizará un novo sorteo. Nas próximas semanas, o Concello preparará unha actividade de educación ambiental para instruir ás persoas das hortas de como cultivar seguindo os criterios da agricultura ecolóxica e sostible.