Nun almorzo político que tivo lugar esta mañá no Hotel Villa de Marín, a agrupación de Marín da organización moza do PSdeG-PSOE foi reconstituída, retomando o seu labor tras varios anos desactivada. Ademais de responsables executivos de agrupacións de Xuventudes como Moaña, Pontevedra, Redondela, Vigo ou Compostela e de militantes do Partido en Marín, interviron o Voceiro do PSdeG en Marín, Manuel Pazos, a Deputada no Parlamento de Galicia, Paloma Castro, a Deputado no Congreso, Marica Adrio, e o Secretario Xeral das XSG, Xurxo Doval.
O Voceiro do PSdeG de Marín e Secretario Xeral da Agrupación do Partido na vila, Manuel Pazos, salientou a disposición dos mozos e das mozas que entran na nova agrupación de Xuventudes e
reivindicou os valores de igualdade de oportunidades que “estas sempre promoven” en contraposición ao “clasismo das Novas Xeracións do PP”. Carmen Fuentes, a nova Secretaria Xeral da Agrupación, destacou que o obxectivo desta nova agrupación será o de actuar como altofalante da veciñanza de Marín e traballar por desenvolver políticas que melloren a súa vida. “É fundamental manter un contacto directo coa xente moza para estar ao día e reivindicar tamén os seus problemas como a vivenda, a
emancipación, o transporte ou as becas”, resaltou.
Ademais, subliñou que será preciso unha mobilización forte da mocidade para “acabar con máis de unha
década de políticas regresivas do PP na Xunta” e que José Ramón Gómez Besteiro sexa Presidente da Xunta. Marica Adrio, Deputada no Congreso, resaltou a importancia dos avances en materia de mocidade que o Goberno de España desenvolveu nas dúas últimas lexislaturas. “Mentres a Xunta non fai nada, o Goberno de España aplica medidas que melloran a calidade de vida real da mocidade”, comentou. “A vivenda, o transporte, as becas ou o fomento do transporte público son cuestións abandonadas pola Xunta mais sobre as cales Besteiro como Presidente da Xunta actuará, en colaboración co Goberno de España”, explicou.
Pola súa parte, o Secretario Xeral das XSG puxo en valor o potencial da organización para mudar e mellorar a realidade da mocidade en Galicia, destacando tamén o valor das Xuventudes Socialistas como escola de vida. Así animou á nova Comisión Executiva Municipal a propoñer iniciativas en todos os niveis (Concello, Deputación, Parlamento, Cortes Xerais, …) e a non se dar por vencidos mesmo se saben que unha iniciativa non pode saír adiante. “Non podedes perder a óptica de que sempre seredes útiles á mocidade”, sentenciou.
Carmen Fuentes, a nova Secretaria Xeral da Agrupación, destacou que o obxectivo desta nova agrupación será o de actuar como altofalante da veciñanza de Marín e traballar por desenvolver políticas que melloren a súa vida. A súa Executiva estará composta por 3 áreas máis que desenvolverán o traballo político e orgánico da nova Agrupación: a Secretaría de Organización e Acción Electoral, a Secretaría de Igualdade e a Secretaría de Política Municipal. O acto finalizou coa entrega da chave da sede da Agrupación á nova Secretaria Xeral das XSG de Marín polo Secretario Xeral do Partido na vila.