Aínda que xaneiro está mediado, parece que o corpo xa está pensando en Entroido, que pronto encherá de alegría e cor as rúas de Marín e do resto de Galicia. Cor, moita luminosidade e arte é o que caracterizan ao cartel promocional da edición deste ano na vila, que foi presentado onte pola súa autora, a ilustradora marinense Laura Romero, xunto coas concelleiras Marián Sanmartín e Itziar Álvarez.
O cartel foi deseñado pensando “nunha das figuras máis representativas do Entroido de Marín, que é a sardiña, e nunha das personaxes que forma parte da parodia: a viúva”, explicou Romero, que destaca que esta viúva, lonxe de estar triste e chorosa, “ten unha sonrisa explosiva, como se estivera rindo a gargalladas, xa que quixen transmitir a alegría e o desenfado do Entroido”.
A imaxe, feita con lápices de cores e unha técnica “tonal, sinxela e colorida”, en palabras da propia artista, será a que engalane as rúas de Marín coa chegada da súa programación, que foi adiantada a pinceladas pola concelleira de Festas, Marián Sanmartín. “Xa temos practicamente todo encauzado para que o noso Entroido sexa, de novo, unha data tan sinalada no calendario de todos os marinenese”, explicou.
Os desfiles de adultos e infantil, a festa do merengue na Lameiriña, a animación infantil, as comparsas, os pasarrúas, as actividades… Todo estará presente no que será o segundo ano “no que celebremos o Entroido da Sardiña como unha festa declarada de interese turístico de Galicia”.
De feito, Sanmartín explicou que a sardiña marinense e a súa ladaíña estarán presentes a próxima semana en Madrid, no marco da celebración da feira de Fitur, no stan de Turismo de Galicia. A concelleira quixo poñer en valor tamén o traballo de Romero. “É unha artista de Marín que soubo captar a esencia do Entroido, así que non podemos estar máiscontentos”, asegurou.
Laura Romero está á fronte da academia de pintura O Roibén, situada en Méndez Núñez, aberta hai catro anos e que xa conta con máis de 70 alumnos e alumnas, de todas as idades e niveles, que traballan diferentes técnicas pictóricas.