Últimos días para presentar solicitudes para participar como alumno ou persoa influente no programa “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no rural”, que a Deputación de Pontevedra desenvolve nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña.
O programa inclúe unha formación destinada a maiores de 50 anos para alfabetizalos dixitalmente e capacitalos en competencias dixitais co fin de facilitar as súas relacións coas administracións públicas, na que se pode solicitar participar ata o vindeiro xoves, 15 de febreiro.
As persoas interesadas en formar parte desta iniciativa como alumnos deberán ter nacido antes de 1973 ou acreditar discapacidade, prestar servizos de axuda a domicilio ou ter a condición de persoa coidadora con maiores a cargo, sempre que sexan maiores de 18 anos.
No caso dos influencers (persoas destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras grazas á demostración en primeira persoa dos beneficios que lles pode reportar o uso de ferramentas sociais) deben ser maiores de 18 anos e estar empadroadas nalgún dos concellos participantes.
Sergas, administración electrónica, facenda
Unha vez seleccionados os participantes, 50 en cada concello, desenvolveranse sete accións formativas que versarán sobre a administración electrónica, o Sergas online, a banda móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos.
Cada acción formativa terá unha duración de 5 horas e ao final delas haberá un servizo de titorías, dun mínimo de 20 horas, co fin de que o alumnado adquira axilidade, destreza e desenvoltura no uso das ferramentas dixitais e poida formular dúbidas sobre os coñecementos adquiridos.