Como cada ano, a Xunta de Galicia conmemorará o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 23 de febreiro colaborando cunha ampla programación cultural e gastronómica entre a que se inclúe, como novidade, unha campaña de promoción do libro en galego pola que se repartirán 20.000 escolmas da autora de Follas Novas. Deste xeito, cada persoa que merque un libro en galego entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo recibirá como agasallo un exemplar de Celebramos Rosalía, unha escolma de textos rosalianos realizada por Anxo Angueira.
A campaña, impulsada pola Fundación Rosalía de Castro e a Fundación Xistral, conta, ademais de co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, coa colaboración da Federación de Libreiros de Galicia, A Asociación de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e El Corte Inglés.
Lecturas, alborada e Caldo de Gloria
Doutra banda, os actos oficiais para o día 23 estarán repartidos como é habitual entre Santiago e Padrón, lugares de nacemento e pasamento da homenaxeada, respectivamente. A celebración comezará ás 10,00 horas coa lectura de poemas por parte do alumnado dos institutos IES Camilo José Cela e IES Macías O Namorado diante da Estatua de Rosalía, en Padrón. De aí, os festexos trasladaranse a Santiago, onde ás 11,00 horas haberá alborada cos Carapaus e ofrenda floral na praza de Vigo, preto de onde naceu Rosalía hai 187 anos.
O acto central do día terá lugar ás 12,00 horas no Hostal dos Reis Católicos, na Praza do Obradoiro, onde se realizará unha lectura de poemas seguida dunha actuación dos Carapaus, a cantante Faia, integrante de De Vacas, e o alumnado da Escola de Música de Santiago.
Xa pola tarde, a Casa de Rosalía volverá acoller unha nova edición do Caldo de Gloria da man de Suso, responsable do restaurante compostelán O Dezaseis, e a cantante Uxía, que ofrecerán a súa versión da famosa receita de Rosalía aos presentes.
Ademais, ao Caldo de Gloria xa se sumaron numerosos hostaleiros e comedores escolares, así como concellos e empresas de toda a xeografía galega. Para iso, a Xunta, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, repartiu 60.000 manteis de papel co poema que inspirou esta iniciativa, “Miña casiña, meu lar”, no que a poeta explica como facer un caldo humilde.
O broche final a un día de celebracións poñerao a cantora Faia cunha actuación no auditorio da Casa-Museo ás 20,00 horas.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, saudou esta nova iniciativa “coa que non só celebramos e enxalzamos a figura de Rosalía, referente para todas e todos os galegos, senón que chamamos á sociedade a ler na lingua propia, algo no que Rosalía foi precursora no seu tempo”. Na rolda de prensa, que acolleu como de costume a Casa-Museo da autora, tamén participaron Anxo Angueira, presidente de dita entidade; Carlos Blanco, responsable da Fundación Xistral; Anxo Arca, alcalde de Padrón, e os representantes da Asociación de Gaiteiros.