A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana entrante catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que se celebrarán de xeito telemático, abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, solucións tecnolóxicas para o sector turístico, Sendinblue e creación plan de empresa e únicamente é necesario un rexistro nun formulario.
As accións formativas inícianse este luns, 5 de febreiro, ás 10:30 horas, con “Ciberseguridade, ransomware e suplantación de identidade”. O obxectivo deste taller é dar a coñecer o Ransomware, en que consiste e como afecta, así como abordar a suplantación de identidade neste mundo dixitalizado. Será impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.
O martes 6, de 10:00 a 11:30 horas, terá lugar o taller “Demostración de solucións tecnolóxicas para o sector turístico”, onde diversas empresas darán a coñecer iniciativas innovadoras que desenvolveron e son aplicables á industria turística. Esta demostración tamén facilitará o establecemento de novas relacións empresariais e a xeración de colaboracións entre os participantes que forman parte desta industria crucial para a provincia de Pontevedra.
Newsletter, Plan de Empresa, mércores e xoves
O mércores, a partir das 12:00, Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá o taller “Sendinblue agora é Brevo”, onde se explicará como facer unha newsletter, axustando a ferramenta ás necesidades das empresas, e se dará a coñecer como facer unha base de datos.
Finalmente o xoves 8, de 12:00 a 13:00 horas, terá lugar o taller “Crea o teu plan de empresa”. A través desta acción formativa proporcionaranse as chaves para desenvolver modelos de negocio. O taller será impartido por Eva Pérez, economista e con formación especializada en xestión empresarial da innovación.