O BNG Marín conseguiu un resultado histórico nas últimas eleccións autonómicas. «O apoio recibido por parte da veciñanza de Marín cara ao BNG amosou un crecemento exponencial, reflectido nun incremento do 126% en comparación coas eleccións municipais do pasado ano. Ademais, experimentamos aumentos notables no apoio durante as eleccións xerais de xullo, cun 67%, e nas recentes autonómicas, onde acadamos un 76% máis de votos«, aseguraron desde BNG Marín
Na asemblea aberta celebrada o día 22 de febreiro en Marín, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) analizou con detemento os resultados das eleccións Galegas do pasado 18 de febreiro. Aínda que o obxectivo primordial de acadar un cambio na dirección da Xunta non se materializou, os resultados
acadados son alentadores, marcando un antes e un despois na traxectoria política do BNG, tanto a nivel local como nacional.
«Estes resultados non só consolidan o noso compromiso coa cidadanía, senón que tamén nos impulsan a redobrar os nosos esforzos para construír o Marín que merecemos», dixeron fontes do Bloque Nacionalista Gallego.

3.848 votos en Marín
A nivel nacional, superamos os 467.000 votos, o que representa un 32% do total, mentres que a nivel local, en Marín, logramos 3.848 votos, o 31% do electorado, constituíndo o mellor resultado histórico do BNG nestas lides. Este crecemento sostido no apoio popular reflicte a confianza depositada no noso
proxecto político reafirmándonos unha vez máis como a segunda forza política do País.
«Coa mirada posta nas futuras contendas electorais, especialmente nas municipais de 2027, o BNG séntese máis motivado ca nunca para competir pola alcaldía de Marín. Este esforzo conxunto reflicte a nosa inquebrantable determinación de avanzar cara o cambio político que a sociedade galega anhela e merece».
O BNG Marín agradece enormemente o apoio recibido e comprométese a seguir traballando incansablemente por e para Galicia, co fin de facer realidade a visión dun novo País e, en particular, dun Marín renovado que avance con firmeza cara ao futuro.
«Dende o BNG, queremos expresar o noso máis sincero agradecemento e profundo orgullo polo traballo incansable e a dedicación da nosa militancia e simpatizantes. O seu esforzo e dedicación foron claves para o éxito da nosa estratexia electoral, evidenciado pola alta participación nos actos organizados polo significativo incremento no apoio electoral».