A Facultade de Comunicación da UVigo analiza o fenómeno das webseries do MAC Marín

A Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo acollerá este mércores unha sesión centrada no formato das webseries e na súa presenza dentro da Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín (MAC Marín). A actividade desenvolverase ás 16.00 horas na Aula de Cine do centro e estará conducida polo director do festival, Dani Antelo, dentro das accións de divulgación que preceden á quinta edición do certame, prevista para agosto.
11 de marzo de 2026
1 minuto lectura
Dani Antelo e Joél Bassaget na Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín o pasado 2025. Foto: JLPortela

A iniciativa forma parte da programación de actividades paralelas que acompañan á preparación da quinta edición da Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín, que se celebrará entre o 18 e o 22 de agosto. A proposta nace da colaboración entre a asociación cultural Marín de Cine e a Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, co obxectivo de promover o coñecemento das novas narrativas audiovisuais entre o estudantado.

Durante a sesión, o público asistente poderá coñecer o percorrido do festival a través dunha retrospectiva de webseries que formaron parte da súa programación en anos anteriores. A actividade pretende ofrecer unha visión sobre a evolución deste formato, ligado principalmente ao ámbito dixital, e sobre as posibilidades creativas que ofrece para novos autores.

A Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo colabora nesta proposta

Producións galegas e unha estrea internacional

selección inclúe tres webseries galegas que xa participaron en edicións previas do festival: Delirio Sketches, Dúas señoras e E Logo? Quen foi?. Os equipos responsables destas producións estiveron vinculados á Mostra en diferentes momentos, o que, segundo a organización, reflicte o papel de Galicia como espazo de experimentación e innovación na ficción creada para internet.

A estas propostas súmase Venus en Juego, unha coprodución hispano-arxentina distribuída pola plataforma Flixxo. A serie incorporarase por primeira vez á programación da MAC Marín na próxima edición, dentro da sección dedicada a Novos Medios. A organización prevé incluír nesta área varias estreas de webseries internacionais durante o festival do verán.

Un espazo para o talento emerxente

A sesión tamén servirá para presentar unha nova edición da sección CINEMA XOVE, unha iniciativa que busca impulsar a participación de proxectos realizados por estudantes de universidades e escolas de cinema. A convocatoria está aberta tanto a centros galegos como a institucións do ámbito estatal e internacional.

Segundo explican desde a organización, esta liña pretende facilitar a visibilidade das creacións académicas e favorecer que o alumnado poida mostrar o seu traballo nun contexto profesional, compartindo programación con obras e autores consolidados do sector audiovisual galego.

A actividade terá lugar na Aula de Cine da Facultade de Comunicación, un espazo dedicado á programación cultural e académica coordinado polo vicedecano de Comunicación do centro, Paulino Pérez.

Deja un comentario

Don't Miss