Na velada participaron seis autores de procedencias e percorridos ben diversos. Louis de Paor, natural de Cork, é un dos grandes referentes da poesía en irlandés e director do Centro de Estudos Irlandeses de Galway dende hai máis de vinte e cinco anos. O seu paso pola Metáfora supuxo unha oportunidade única de escoitar a forza e a musicalidade dunha lingua que tamén loita pola súa supervivencia.
A representación aragonesa correu a cargo de Antonio Andreu Sanz, profesor de secundaria cunha longa traxectoria, poeta en lingua aragonesa e galardoado en certames de prestixio. O seu compromiso coa visibilidade do aragonés converteuno nunha das voces máis significativas do recital.
Tamén participou Veronika Dintinjana, poeta e tradutora eslovena, que ao tempo exerce como médica cirurxiá. Cunha traxectoria ligada a proxectos que conectan literatura e comunidade, fixo soar na libraría unha poesía onde a vida e a palabra se entrelazan.



Louis de Paor, Antonio Andreu Sanz e Veronika Dintinjana recitando na Libraría Metáfora de Pontevedra
As voces da guerra
Da Ucraína chegou Halyna Kruk, poeta, narradora e tradutora, cuxa obra goza de recoñecemento internacional. Os seus poemas, que falan da experiencia da guerra entre Rusia e Ucraína e da resistencia cultural, resoaron con especial intensidade entre o público.
A escritora india Reshma Ramesh, que crea en canaresa, unha lingua minoritaria da India, achegou a súa voz comprometida coas minorías desfavorecidas. Ademais, recitou un poema que denunciaba a masacre en Gaza, un texto que trouxo ao recital unha dimensión política da arte así como da solidariedade internacional antes as guerras.


Halyna Kruk e Reshma Ramesh recitaron poemas sobre a guerra en Ucraína e Gaza
As versións en galego por Oriana Méndez
Cada un destes autores recitou primeiro na súa lingua orixinal. A continuación, Oriana Méndez ofreceu ao público as versións galegas preparadas expresamente para a ocasión, facendo do galego unha lingua de encontro. O resultado foi un mosaico poético no que cada idioma conservou a súa singularidade, mais todos se reuniron nun mesmo escenario de diálogo e respecto.

Este foi o primeiro dos tres recitais gratuítos que complementan o Obradoiro de tradución “Con barqueira e remador”, coordinado pola poeta Yolanda Castaño e patrocinado pola Consellería de Cultura e Educación —a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura— e polo Concello de Redondela.
Estadía na Illa de San Simón
Mentres tanto, os participantes continúan a súa estadía na illa de San Simón, onde do 19 ao 24 de outubro se desenvolve o obradoiro. Durante estes días, os autores traducen as súas obras a linguas como o persa, o ucraíno, o xaponés, o catalán, o macedonio e o galego. Unha vez de regreso ás súas comunidades, difundirán estes textos nas súas linguas, permitindo que a experiencia de San Simón reverbere polo mundo.

O recital de onte amosou con claridade a esencia deste proxecto: abrir espazos para que linguas minoritarias, ás veces silenciadas, poidan ser escoitadas e compartidas. E no centro desta travesía estivo unha voz galega e de orixe marinense: a de Oriana Méndez, barqueira que foi quen de facer do galego un navío común para bogar entre todos os mares da poesía.