Alba Blanco de «Mardeafora»: «Marín como cidade mariñeira está moi presente»

"Mardeafora" é un grupo marinense que acaba de estrear “A conversa”, o seu novo tema que sen dúbida non deixará a ninguén indiferente. Algunhas das súas cancións están inspiradas nesta terra."Temos de feito unha canción, “A loita é razón” onde mencionamos a Rúa do Sol de Marín, na Praza do Reloxo", dixo a vocalista, Alba Blanco.
14 de mayo de 2025
4 minutos de lectura
Alba Blanco

Alba, Miguel e Xavier levan case dúas décadas traballando xuntos en grupos anteriores, o que se transmite na complicidade mostrada na súa música. Levan dez anos como «Mardeafora», asombrando coa súa proposta musical que aposta por unha mestura de sons jazz, pop e música experimental.

Juan Lada (DM): Que significado ten o nome do grupo “Mardeafora”?

Alba Blanco: O nome vén porque ao ensaiar na casa de Miguel, ten unhas vistas do mar incribles na parte de arriba de Cela. Somos un grupo moi ligado ao mar, onde ensaiamos témolo moi presente nas letras das cancións. Ademais escollemos «Mardeafora» xogando un pouco tamén co que hai aquí, co que hai fóra, coa xente que vai, coa que vén, co que trae a marea. Xogando co sentido da expresión.

DM: Tras escoitar algúns dos vosos temas oín algo de jazz, algo de pop, unha gran música instrumental e a túa preciosa voz. Como definirías o voso estilo?

Alba Blanco: É unha pregunta que me custa responder. Tal e como o defines, sinto que nos representa. Tampouco sabería encadrarnos nun estilo só. Quizais moito de pop, algunhas cousiñas de jazz mesmo cousas de música popular. Facemos o que nos gusta. Somos libres de facer o que nos apetece. Xogar cos sons sen unha estrutura clásica. Inspirándonos tamén en xente que nos gusta.

DM: Esa última parte interésame moito. Cales son os vosos referentes?

Alba Blanco: Non sei, quizais, Van Morrison ou Joe Henry que nos gusta moito aos tres. Tamén escoitamos jazz. Persoalmente gústame o cantante Morgan pola súa voz rota, pero grupos hai moitos.

Significado oculto

DM: Fréderic Chopin dixo: “non hai nada máis odioso que a música sen un significado oculto”. Cal é a idea que se agocha tras “A conversa”?

Alba Blanco: A idea era contar a sensación que queda a alguén despois dunha  conversación onde ás veces estás de acordo e ás veces non, onde xorden tensións. A idea é reflectir o recordo dalguén que tivo unha conversación onde houbo unha discrepancia, un desacordo, algunha tensión. A persoa que lembra refúxiase noutra mirada, nun amigo, unha parella, alguén que con só mirar entende o que estás a pensar. Esa complicidade da vida cotiá, dunha reunión informal. 

DM: Como está a ser a acollida por parte do público?

Alba Blanco: Nós compartimos os vídeos con familia e amigos, tentamos que a prensa nos axude para chegar a máis xente. De momento a acollida da xente que temos próxima é moi boa. É certo que neste vídeo e no anterior, temos a dirección de Adrián Porima. Ata o de agora faciámola con amigos e poucos medios. Si que a xente nos di que lles gusta moito que a iluminación é moi boa. Pero a acollida está a ser moi boa polos achegados.

Non temos aspiracións de chegar a moitísima xente. Sabemos que facemos unha música un pouco persoal, non moi comercial e tampouco temos unha canle de redes onde difundir. Pero aos poucos imos tentado darnos a coñecer. Recibimos con moito agarimo e ilusión.

Hoxe en día coa redes, calquera pode subir os seus vídeos e é moi democráctico. Todos podemos ter a oportunidade de facernos entender. Pero ao final somos tantos que é fácil perderse. Internet é unha porta aberta, pero está aberta á inmensidade.

Praza do Reloxo e Rúa do Sol

Juan Lada: Como inflúe Marín, o ambiente da costa galega na vosa música? 

Alba Blanco: Todos os que vivimos preto do mar, estamos moi influenciados. A pesar de que non o podamos ver desde a xanela, témolo sempre presente. Marín como cidade mariñeira está moi presente. Temos, de feito, unha canción, “A loita é razón” onde mencionamos a Rúa do Sol de Marín, na Praza do Reloxo. Pero outras ocasións non son referencias concretas, pero a cidade e a proximidade do mar, inflúe na forma de ver o mundo.  Nós tocamos coas nosas letras ás veces temas que nos preocupan como o medioambiente ou tamén co que vemos nas noticias. Se cadra non sae de forma referenciada, pero preocúpanos a subida da extrema dereita en toda Europa.

Temos a fábrica de celulosa, preocúpanos o mar porque vivimos preto de Lourizán e sabemos que é unha fábrica, que contamina e o mar é a vida de moita xente. Todos temos familia que se adicou a saír nun barco e pasar longas tempadas fóra de casa. O que tamén te leva a valorar as relacións persoais dunha maneira máis intensa.

Juan Lada: Louis Amstrong dixo que: “Os músicos non se xubilan, pairan cando xa non hai música en eles”. Vós tedes moita música aínda dentro, así que, que vén despois de “A conversa”? Cales son os novos proxectos?

Alba Blanco: Hai tempo que non tocamos por aí. Estivemos a preparar cancións novas e preparando os vídeos. Agora estamos pendentes de gravar unha nova canción que se chama “Recordos pola borda” baseada nun poema de Susana Sánchez Aríns. Tamén unha canción que queremos gravar con Juan Hernández baseada nun poema dun mozo moi comprometido, Mario Obrero. Que temos o seu permiso para facer a canción sobre o poema que el ten escrito nas catro linguas oficiais.

Nós escollemos a versión en galego, pero introducimos no retrouso as outras linguas. Ten esa visión, fala do compromiso, da temática de cando ocorren feitos históricos que deixan tocada á poboación e deixan o mundo destruído. O que renace, como hai que volver reconstruír. Esa é unha das interpretacións que teñen os seus poemas. Estamos a desexar gravar a canción.

Juan Lada: As «Tanxugueiras» dixeron que “A música galega é unha cultura viva, unha cultura en movemento” Como vedes vós a escena musical actual en Galicia e que lugar ocupa «Mardefora» nel?

Alba Blanco: Si se romperon tabús respecto a a lingua. Facer música en galego é natural e parece que está a chegar cada vez máis lonxe. Rompen os estereotipos. Cada vez sorprende menos escoitar en galego. «Tanxugueiras» son un exemplo, pero tamén están Caamaño e Ameixeiras que son moi boas e teñen unha sensibilidade moi especial. Tamén  «As fillas de Casandra»,  que lles gustan a moitísima xente. Hai moita xente facendo cousas moi interesantes e enchendo festivais.

O galego é unha lingua moi musical.

Juan José Lada Vilariño

Juan José Lada Vilariño

🎭 Director de Vida, Motor y Viajes en Diario Marín
🎓 Graduado en Relaciones Laborales y Recursos Humanos – UDC
📚 Máster en Prevención de Riesgos Laborales y Comunes – UDC
💼 Técnico Superior en Administración y Finanzas – IES Terra de Trasancos
🔧 Técnico en Electromecánica de Vehículos – CIFP Ferrolterra
✍ Autor de "El tesoro de Artabria"; "Las minas de Santa Comba"; "El oro de Himmler" y "Sin prueba aparente" 📖

Deja un comentario

Don't Miss